Ribadeo recibe ao conselleiro de Medio Ambiente da Representación Permanente de España ante a UE

Ribadeo contou coa visita de Miguel Castroviejo, conselleiro de Medio Ambiente da Representación Permanente de España ante a Unión Europea, que mantivo un encontro co alcalde Dani Vega e coa tenente de alcalde, Begoña Sanjurjo.
O rexedor local cualificou a reunión como “realmente positiva e satisfactoria”, subliñando que o obxectivo principal foi “traballar coordinadamente cunha conexión importante ante a Unión Europea”. Vega lembrou que Castroviejo é “unha das persoas que máis controla todo o sistema administrativo europeo, en si complexo, e por iso un Concello debe ter un contacto permanente e unha boa relación coa Unión Europea”.
O alcalde insistiu en que “todos os fondos que chegan do Estado ou das comunidades autónomas, na súa maior parte, están financiados ou cofinanciados pola Unión Europea. É esencial entender as claves e saber que un municipio debe xestionar o maior orzamento posible en beneficio da súa veciñanza”.
Segundo Vega, Ribadeo xa supera os 8 millóns de euros en xestión europea, sendo a maior obra a do abastecemento de auga, cun investimento total de 8,5 millóns, dos que o 60 % proceden de fondos comunitarios. Tamén mencionou o proxecto Life Global, para protexer a praia das Catedrais, e o Life Fluvial, para conservar a ría eliminando especies invasoras e ampliando a rede de sendas.
“Estamos na liña correcta desde o punto de vista da conservación do medio ambiente, pero tamén en inversións fundamentais como a auga, que para min é a mellor obra que se puido xestionar”, apuntou Vega, quen adiantou que a Xunta licitará en breve a actuación.
Finalmente, o alcalde explicou que “presentámoslle a Castroviejo novos retos e proxectos que iremos concretando en reunións con outros municipios, sempre coa idea de beneficiar a economía global e ao noso concello”.