Ribadeo realizará obras de mellora na praza de España, cun investimento de 20.000 euros
O Concello de Ribadeo acometerá o proxecto de mellora da praza de España, que suporá un investimento duns 20.000 euros. Esta actuación contempla o acondicionamento de tres pistas de petanca, a mellora do firme e a eliminación de barreiras arquitectónicas. As empresas interesadas en realizar estes traballos poden presentar as súas ofertas ata o 23 de abril.
O alcalde ribadense, Fernando Suárez, explicou que “este proxecto de acondicionamento e mellora da praza de España, feito polos técnicos municipais e que tamén conta co visto e prace da Comisión de Patrimonio de Lugo, trata basicamente de acondicionar tres pistas de petanca de 15 por tres metros no propio parque de San Francisco”.
O rexedor subliñou que “é unha demanda que levamos tendo desde hai un tempo, dado o enorme impacto que está causando este deporte, sobre todo para a xente máis maior e para a non tan maior, que tamén vemos como sistematicamente se está achegando a Ribadeo, incluso doutras localidades, que ven xogar a este deporte tradicional”.
Suárez Barcia engadiu que “atendendo ás peticións de toda esta cantidade de xente que nestes últimos tempos está xogando aquí, quixemos adaptar un pouco máis e un pouco mellor, con máis solvencia, esa superficie de actuación na que eles están traballando”.
O alcalde dixo que “ademais disto vaise facer unha mellora no firme do resto do parque así como tamén a eliminación de barreiras arquitectónicas para o que en conxunto o proxecto ascende a 20.094 euros. E todos aqueles licitadores que estean en condicións de presentar a súa oferta económica que o fagan na plataforma de licitación do Concello de Ribadeo, teñen de prazo ata o día 23 de abril”.