Ribadeo promove a saúde cun ciclo de cursos prácticos ata outubro

O Concello de Ribadeo, a través da súa Concellería de Benestar Social, pon en marcha un ciclo de cursos sobre saúde e benestar, que se desenvolverán desde maio ata outubro co apoio da asociación Afammer Lugo. A iniciativa, enmarcada no Plan de Corresponsables da Federación de Mulleres do Rural da provincia de Lugo, nace froito dun convenio coa Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia.
A concelleira responsable da área, Elena Sierra, explicou que estas actividades están pensadas para formar á poboación en cuestións prácticas e de utilidade no día a día: “As temáticas escollidas abordan situacións moi presentes nas familias, polo que animamos á veciñanza a participar”.
O ciclo dará comezo o luns 26 de maio cun curso de primeiros auxilios, que xa ten todas as prazas cubertas. Ao día seguinte, martes 27, terá lugar unha formación específica sobre primeiros auxilios pediátricos, de 16:00 a 21:00 horas no Centro Sociocomunitario de Ribadeo, centrada en temas como intoxicacións, picaduras, reaccións alérxicas, erupcións cutáneas ou convulsións.
O 29 de maio será a quenda da prevención de accidentes domésticos, mentres que o 10 de xuño abordarase a detección e prevención de condutas aditivas en menores.
Xa en setembro, o día 22, trataranse os trastornos na adolescencia e a prevención do suicidio, e o ciclo pecharase o 13 de outubro cun curso sobre resolución de conflitos, orientado a mellorar a convivencia tanto no ámbito familiar como social.
As persoas interesadas poden anotarse de maneira presencial no Concello de Ribadeo ou chamando ao teléfono 982 128 650.
Elena Sierra destacou que esta proposta “ofrece ferramentas útiles para afrontar situacións complexas, coidando a saúde física e emocional das nosas familias e da comunidade”.