Ribadeo promove a compostaxe doméstica cun punto informativo no mercado

O Concello de Ribadeo vai poñer en marcha unha nova campaña de sensibilización ambiental centrada na compostaxe doméstica. A iniciativa contará cun punto informativo que estará dispoñible na carpa instalada no mercado dos domingos, o vindeiro 29 de xuño, así como no mercado dos mércores, o 2 de xullo.
Desde a Concellería de Medio Ambiente subliñan que a finalidade desta campaña é fomentar o tratamento dos residuos orgánicos no propio fogar. “Contamos con 70 composteiros que serán entregados ás persoas que queiran iniciarse na compostaxe”, explican desde o departamento municipal. Ademais do reparto dos colectores, ofrecerase formación específica para garantir un uso adecuado, así como seguimento e asesoramento técnico ao longo do proceso.
O Concello anima á cidadanía a interesarse por esta alternativa ecolóxica e lembra que as persoas que precisen máis información poden contactar coa Área de Medio Ambiente chamando ao 982 120 701 ou enviando un correo electrónico a medioambiente@ribadeo.gal.
