Ribadeo presenta un orzamento para 2021 de 9,8 millóns de euros
O orzamento municipal do Concello de Ribadeo para 2021 ascende a máis de 9.800.000 euros, o que supón un incremento do 8,25% con respecto ao de 2020. O concelleiro de Economía, Pablo Vizoso, destacou que no presuposto, que se someterá a aprobación no vindeiro pleno, establécese a exención das taxas pola ocupación de terrazas como unha das medidas de apoio á hostalería, auméntase o fondo para familias con necesidades e créase unha axuda específica para a xestión do Hospital Asilo. O capítulo de inversións supera o 1.500.000 euros, financiado na grande maioría por fondos propios e da Deputación de Lugo.
O edil ribadense dixo que “imos levar ao próximo pleno os orzamentos para o exercicio 2021, que se incrementan ata os 9.849.823 euros, é dicir máis de 750.000 euros con respecto ao ano anterior, o que supón un 8,25 % máis, e sen que se vexan incrementados os impostos e taxas que son competencia do Concello”.
Vizoso Galdo subliñou que “estes orzamentos caracterízanse por manter o nivel elevado de actuacións e servizos nas diferentes áreas que ven realizando o Concello de Ribadeo. Recollen o incremento salarial do 0,9% establecido polo Estado para o persoal, aínda que non se aplicará aos órganos de goberno que se conxelarán. Establecen a exención das taxas pola ocupación de terrazas para todo o exercicio, como unha das medidas de apoio á hostalaría. E mantéñense as axudas para o tecido asociativo, coma nos exercicios anteriores, para destinar a asociacións deportivas, culturais, clubs, etc”.
O concelleiro de Economía explicou que “se incrementa notablemente o capitulo de inversión que supera o 1.500.000 euros, un 87% máis, e que é financiado na gran maioría fondos propios do Concello e procedentes da Deputación de Lugo.Así recollen partidas para actuacións que consideramos de vital importancia para Ribadeo como é o caso da estrada da Estación de Feve e diversas actuacións noutras rúas. Tamén se contemplan partidas importantes para o plan de camiños de titularidade municipal, saneamentos, adquisición de terreos, a reposición de tramos da rede de abastecemento de auga, de instalacións deportivas, de locais socias para as parroquias,o arranxo da praza de abastos e para melloras de eficiencia enerxética en alumeados públicos. Este forte incremento da inversión enmárcase no proceso de reactivación económica tocando diferentes áreas”.
Pablo Vizoso indicou que “no ámbito social auméntase o fondo para familias con necesidades e crease unha axuda específica para a xestión do Hospital Asilo. E séguese mantendo a débeda do Concello nun niveis baixos na procura dunha xestión eficiente e do equilibrio orzamentario”.
O edil nacionalista engadiu que “ademais de todas estas medidas e accións contempladas, os orzamentos vanse ver reforzados sobre todo no apoio ao comercio e a hostalaría e tamén no ámbito social coas achegas de plan único provincial da Deputación de Lugo, que xa está en marcha, e coas achegas que poidan proceder das xestións do Concello con outras administracións”.