Ribadeo prepárase para viaxar aos anos 80 coa súa segunda Festa Ochentera

A vila de Ribadeo acollerá este venres 2 de maio, a partir das 23:00 horas, a segunda edición da súa xa popular Festa Ochentera. A cita terá lugar na discoteca Rosa Lar e promete ser unha noite chea de nostalxia musical, luces de cores e moita diversión.
O evento está organizado polo Ribadeo Fútbol Club e conta coa colaboración da área de Deportes e Mocidade do Concello de Ribadeo. A música correrá a cargo do grupo Sintético Fantástico, que traerá os grandes éxitos dos anos 80 ao escenario, acompañado por unha selección de DJs especializados na música da década.
Ademais do ambiente festivo e o revival sonoro, entre todas as persoas asistentes sortearase unha cea para dúas persoas no restaurante San Miguel, un atractivo engadido para completar unha noite temática pensada para todos os públicos.
As entradas para a festa teñen un prezo de 5 euros e xa se poden adquirir de forma anticipada ou na porta da discoteca o mesmo día do evento. Dende a organización animan á veciñanza e visitantes a asistir caracterizados co estilo dos 80, para que a ambientación sexa aínda máis auténtica.