Ribadeo prepárase para once días de festa nas patronais de 2025

Ribadeo xa conta os días para vivir as súas festas patronais de 2025, que se celebrarán entre o venres 29 de agosto e o luns 8 de setembro. Once xornadas cun programa diverso e para todos os públicos, no que se combinan verbenas, concertos, pasarrúas, deporte, celebracións relixiosas e propostas infantís.
O arranque será o 29 de agosto cun pasarrúas a cargo de Sorcha Showband e o pregón pronunciado por Pepe Rodil, antes dunha noite de música electrónica con varios DJ’s convidados. O día seguinte, sábado 30, a Praza de Abastos converterase nun espazo de encontro cun mercadiño e co Xara Fest, que achegará concertos de artistas emerxentes.
O domingo 31 será a quenda do deporte coa tradicional cita do Día da Bicicleta, cunha concentración e saída dende a Casa do Concello. Xa en setembro, o mércores 3 dedicarase aos maiores, con visitas ao Centro de Día e á Residencia acompañadas por gaitas, cocos e cabezudos.
O venres 5 e o sábado 6 estarán marcados polas verbenas, con orquestras como Finisterre, Panorama, Tekila ou Furia Joven, ademais de pasarrúas e sesións vermú. O domingo 7, véspera da Patroa, Ribadeo vivirá unha das súas xornadas máis intensas: haberá bombas de palenque, música tradicional, fútbol no Estadio Pepe Barrera, unha verbena multitudinaria e un espectáculo de fogos artificiais a medianoite.
O luns 8, Día da Patroa, terá lugar a misa solemne cantada pola Coral Polifónica de Ribadeo e a procesión acompañada pola Banda Municipal. As celebracións culminarán cunha sesión vermú, unha verbena e o concerto de Ráfaga, que porá o broche final ás festas xunto coa orquestra Change the Channel.