Ribadeo prepárase para celebrar as Xornadas Gastronómicas da Ameixa con 21 locais participantes

Do 20 ao 22 de xuño, Ribadeo acollerá unha nova edición das Xornadas Gastronómicas de Exaltación da Ameixa, un evento impulsado pola asociación de empresarios Acisa coa colaboración da Área de Mar da Deputación de Lugo, dirixida por Daniel García. A iniciativa busca promover o consumo de produtos do mar, impulsar a economía local e reforzar o atractivo turístico do municipio mariñán nas vésperas da tempada alta.
A cita contará coa participación de 21 establecementos de hostalaría que prepararán receitas orixinais co molusco como protagonista. Para facilitar a elaboración das tapas e pratos, a organización repartirá de forma gratuíta arredor de 250 quilos de ameixa xapónica galega de gran tamaño, o que equivale a unhas 12.000 unidades deste bivalvo. O produto foi adquirido a un provedor local asociado a Acisa.
Durante a presentación do evento, o deputado de Mar, Daniel García, estivo acompañado pola presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, e polo xerente da entidade, Jesús Pérez. Ambos coincidiron en destacar a excelente acollida da iniciativa entre os locais hostaleiros e agradeceron a colaboración institucional. A achega económica da Deputación, de 8.000 euros, tamén permitirá a impresión e distribución de 5.000 manteis individuais promocionais.
Carmen Cruzado destacou que “é a sexta ocasión na que desde Acisa entregamos materia prima aos nosos asociados para fomentar a súa participación en campañas gastronómicas, reducindo custos e contribuíndo á dinamización do sector”. Tamén lembrou que é a segunda vez que contan coa colaboración da Área de Mar, despois do éxito das xornadas dedicadas ao lura celebradas en 2022.
Pola súa banda, Jesús Pérez subliñou que “con estas xornadas queremos reforzar o dinamismo da hostalaría local antes da chegada do verán, poñer en valor un produto de proximidade e ofrecer unha proposta culinaria atractiva tanto para os veciños da Mariña e o Occidente asturiano como para os turistas que xa se achegan a Ribadeo nestas datas”.
Ao longo da semana previa ao evento, as diferentes creacións culinarias estarán dispoñibles nas redes sociais de Acisa, facilitando así ao público coñecer con antelación as propostas de cada local. Os restaurantes e bares participantes son: O Indiano, La Solana, Parador de Turismo, Ramonita, Barallocas, O Lar de Manolo, Náutico, A Horta de San Roque, Aware Cakes, El Rincón del Gordo, La Flor de Jose, Mesón D’Cata, O Furancho no Camiño, Cayo Coco, Marinero, A Mirandilla, Arancadeira, Los Dulces de Delphine, San Miguel, La Bugalla e La Quinta.