Ribadeo prepárase para as xornadas gastronómicas asturianas

AMariñaXa
Acisa Ribadeo e Kids&Us organizan este sábado, 25 de outubro, unha nova edición da actividade infantil denominada Trick orTreat por locais asociados ao colectivo empresarial
xornadas-gastronomicas-ribadeo-asturias
23 Oct 2025

Todo está listo para a celebración da oitava edición das xornadas gastronómicas Asturias en Ribadeo, que terán lugar do 24 ao 26 de outubro. Están organizadas pola Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo (Acisa) e contan coa participación de 13 establecementos hostaleiros.

A presidenta do colectivo empresarial ribadense, Carmen Cruzado, subliña que “desde Acisa decidimos apostar de novo polas xornadas gastronómicas Asturias en Ribadeo, que se van celebrar do 24 ao 26 de outubro (do venres ao domingo), como actividade dinamizadora da nosa hostalería. Con esta iniciativa queremos render homenaxe ás nosas veciñas e veciños asturianos, que moitas fins de semana do ano achéganse ata Ribadeo a tomar os viños e os vermús, a comer, a cear, a pasear ou a comprar no comercio local. A presenza de quen se despraza desde Asturias é moi importante para nós e para a economía local e por iso decidimos seguir organizando estas xornadas, que chegan á súa oitava edición”.

O xerente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos ribadense, Jesús Pérez, conta que “nesta ocasión son 13 os locais participantes, que ofrecerán tapas e menús con propostas típicas da gastronomía asturiana. As diferentes elaboracións poderán atoparse nos seguintes establecementos hostaleiros: O Indiano, Bar Queimada, La Solana, A Quinta, Galipizza, Costa Verde, A Horta de San Roque, Mareta, San Miguel, Barallocas, Bar A Estación, Arrancadeira e Mar de Rinlo. As preparacións que ofrecerá cada un dos locais participantes pódese consultar nas redes sociais de Acisa. Haberá diversas elaboracións que usan como base as fabas (con ameixas, con luras, con cogomelos, fabada, etc…), diferentes variedades de cachopos, pixín, preparacións con mazá ou sidra, un amplo abanico de propostas para facernos gozar esta fin de semana”.

Cruzado Iglesias anima “a asturianos e galegos a que fagan un oco nas súas axendas para achegarse a Ribadeo do 24 ao 26 de outubro. Calquera momento é bo para vir a Ribadeo, pero se aos nosos atractivos turísticos e comerciais engadímoslles a exquisita gastronomía asturiana estamos #ante a fin de semana idónea para gozar das cores do outono ribadense”.

Trick or treat

Acisa Ribadeo e Kids&Us organizan este sábado, 25 de outubro, unha nova edición da actividade infantil denominada Trick orTreat por locais asociados ao colectivo empresarial.

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, comenta que “con motivo da celebración do Día do Comercio Local, Acisa Ribadeo quere poñer en valor a importancia do pequeno comercio como motor económico e social da nosa vila. É un bo día para lembrar que o comercio de proximidade xera emprego, paga impostos todo o ano, dinamiza as rúas e crea comunidade. Por iso, para celebrar esta data desde Acisa organizamos, xunto a Kids&Us, un taller infantil de Halloween, co obxectivo de ensinar aos máis pequenos a relevancia de comprar no comercio local dunha forma lúdica e participativa. Esta iniciativa, non deixa de ser unha extensión da nosa campaña Ou noso comercio é vida. Vive Ribadeo, coa que se pretende seguir concienciando á cidadanía sobre o papel esencial que desempeñan os establecementos locais na vida e vitalidade de Ribadeo”.

Pérez Prada engade: “a actividade busca entreter e divertir aos máis peques da casa coa tradición anglosaxoa do famoso truco ou trato, con motivo da celebración do Samaín ou Halloween. A proposta, que se realizará en inglés, está dirixida tanto a alumnos como a non alumnos da academia de entre 3 e 9 anos, e terá lugar o día 25 de outubro, este sábado, pola mañá. Desde Acisa Ribadeo gústanos poder crear este tipo de actividades, que divirten e entreteñen a péquelos da casa, e que ademais serven para que os seus papás e mamás poidan dedicarse un pouco de tempo a eles mesmos, por exemplo facer unhas compras ou tomar algo cun pouquiño de calma, ademais de ser unha actividade que achega aos nenos e ás nenas ao comercio local. É moi importante concienciar desde a infancia aos futuros compradores da importancia que ten apostar polos negocios locais. Os pobos teñen vida e son o que son grazas ao seu tecido empresarial”.

⚙ Configurar cookies
0.25550103187561