Ribadeo prepárase para acoller o XXVII Torneo de Ximnasia Rítmica

Ribadeo converterase este domingo, 30 de marzo, no epicentro da ximnasia rítmica coa celebración do XXVII Torneo de Ximnasia Rítmica, organizado polo club local Escola Porta Norte en colaboración co Concello. O evento reunirá a preto de 700 deportistas procedentes de distintos puntos de Galicia.
O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, detallou o desenvolvemento da competición: “O torneo dará comezo ás 10:30 da mañá coa participación das ximnastas do nivel Interescolar. Ás 12:30 será a quenda das categorías Promoción e Pre-base, mentres que a xornada de tarde estará reservada para o nivel Escolar, que iniciará a súa competición ás 16:30 horas”.
Silvent destacou a relevancia do evento, no que estarán presentes clubs de toda a provincia de Lugo e doutros puntos de Galicia. A competición pecharase arredor das 18:30 coa exhibición de ximnastas de nivel nacional, que proximamente representarán a Galicia no Campionato de España. “Desde o Concello queremos enviarlles xa os nosos mellores desexos para esa cita tan importante”, engadiu.
O edil ribadense tamén subliñou o impacto positivo do torneo para a economía local: “Vai ser un día moi relevante tanto no ámbito deportivo como para a dinamización do sector hostaleiro e comercial de Ribadeo. Estamos a falar da chegada de centos de persoas que, ademais de participar no evento, desfrutarán da nosa vila durante toda a xornada”.