Ribadeo prepárase para a Xira de Santa Cruz 2025 con música, tradición e natureza

AMariñaXa
A festa, declarada de interese turístico de Galicia, encherá a vila de pasarrúas, concertos e actividades para todos os públicos os días 2 e 3 de agosto
Ribadeo-Xira-santa-cruz-2025
31 Jul 2025

A Xira de Santa Cruz regresa un ano máis a Ribadeo, consolidada como unha das celebracións máis senlleiras da Mariña e recoñecida como Festa de Interese Turístico de Galicia. A cita, organizada pola Asociación Amigos da Gaita Galega, desenvolverase durante a fin de semana do 2 e 3 de agosto, cun completo programa de actividades onde a música tradicional, a convivencia e a contorna natural volverán ser protagonistas.

O sábado día 2, ás 19:30 horas, as rúas da vila acollerán un pasacalles a cargo do colectivo organizador, que dará paso ás 20:00 horas ao pregón, que se celebrará no Quiosco da Música do parque de San Francisco. Alí actuarán tamén os distintos grupos das escolas da asociación. No caso de que chova, o evento trasladarase ao teatro.

O domingo día 3, a programación comezará ás 11:45 horas con outro pasacalles e as actuacións dos grupos das escolas no Cantón dos Moreno. Xa ao mediodía, ás 12:00 horas, comezará a música de rúa, protagonizada polos grupos “Os Enxebres de San Lázaro” e “A.C. Abelladeira”, procedente de Ponferrada. Esta parte do programa rematará coa tradicional subida ao monte de Santa Cruz, onde se celebrará o xantar campestre.

O broche de ouro chegará ás 19:00 horas coa ofrenda floral e os concertos no monte, que este ano correrán a cargo de “Lina e Lola”, “Ailá” e “Pelepau”, tres formacións que combinan tradición e innovación no seu repertorio.

A organización convida a toda a veciñanza e visitantes a sumarse a esta celebración que mantén vivo o espírito comunitario, o amor pola música galega e o goce do patrimonio natural ribadense.

⚙ Configurar cookies
0.13501882553101