Ribadeo prepara as Xornadas Gastronómicas do Antroido con 17 establecementos participantes

Todo está listo para a celebración das Xornadas Gastronómicas do Antroido de Ribadeo, que terán lugar do 22 de febreiro ao 9 de marzo. A iniciativa está organizada pola Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo (ACISA) e contará coa participación de 17 establecementos hostaleiros da vila.
A presidenta de ACISA, Carmen Cruzado, destacou que “decidimos apostar, como unha das novidades deste ano, polas xornadas gastronómicas do Antroido, que se celebrarán do 22 de febreiro ao 9 de marzo, co obxectivo de dinamizar a nosa hostalería. Con esta actividade queremos render homenaxe á gastronomía típica destas datas, que en Ribadeo é tradición celebrar con ceas ou xantares de grupos de amigos e familias, desfrutando dun bo cocido”.
Pola súa banda, o xerente de ACISA, Jesús Pérez, explicou que “nesta ocasión son 17 os locais participantes, que ofrecerán tapas, racións e menús con pratos típicos do Antroido. Entre os establecementos que participan atópanse: O Indiano, Cayo Coco, A Bugalla, La Solana, O Lar de Manolo, Costa Verde, Mareta, San Miguel, El Rincón del Gordo, Barallocas, O Lar de Carmiña, Ribanzo, Ramonita, Aware Cakes, O Furancho no Camiño, O Cabazo e Marinero”.
Pérez tamén indicou que “todas as propostas gastronómicas poderán consultarse nas redes sociais de ACISA. As opcións van desde cocidos completos, tapas ou racións de orella ou lacón ata doces típicos como filloas, orellas ou rosquiñas”.
Carmen Cruzado subliñou que “estas xornadas xorden para complementar a programación do Antroido ribadense, ofrecer unha oferta adicional á nosa veciñanza e aos visitantes, para que podan gozar durante estas datas das deliciosas propostas salgadas e doces que poderán atopar na hostalería local”.