Ribadeo prepara a Xira de Santa Cruz

AMariñaXa
Trátase dunha Festa de Interese Turístico de Galicia que se leva celebrando dende os anos 40
Xira-de-Santa-Cruz-
22 Xul 2024

O Concello de Ribadeo anima a participar na Xira de Santa Cruz o vindeiro 4 de agosto e pide colaboración veciñal para manter o entorno limpo e coidado. A Xira de Santa Cruz trátase dunha Festa de Interese Turístico de Galicia que se leva celebrando dende os anos 40, motivo polo que fomentan a súa preservación e promoción, e dentro da cal destaca a romaría celebrada na área recreativa do Monte de Santa Cruz, cedida pola MVMC de Obe, Santa Cruz e Capela á Asociación de Amigos da Gaita Galega como organizadora desta festa, organización na que tamén participa o Concello de Ribadeo.

Tódolos ribadenses e visitantes esperamos con ansia que chegue esta data tan sinalada no noso calendario. Como acontecera en anos anteriores, preocúpanos seriamente a falta de civismo que se ten observando na celebración desta romaría, o que de ningún xeito queremos que acabe coa orixe, propósito e significado desta festa, podendo incluso chegar o momento de que xa non teña razón de ser.

Dende o Concello lembran que xa é unha práctica habitual que de cara a ese día se dispoñan recintos pechados con plásticos agrícolas na área recreativa, que non fan máis que illar á xente, así como toda clase de mobles como sofás e colchóns, entre outros obxectos non acordes, resultando todo isto unha mala imaxe para a festa, co serio agravante de que practicamente nada se recolle ao finalizar a romaría, parecendo aquilo un auténtico vertedoiro.

Co fin de evitar problemáticas como a descrita, de cara á Xira de Santa Cruz 2024, prohíbese realizar cerramentos de recintos na área recreativa con plásticos ou calquera outro material non acorde co entorno, dispoñer mobles ou calquera outro material que non vaia co entorno, tirar petardos na romaría. Incumprir o anterior poderá derivarse na incoación de expediente sancionador para os responsables.

Non obstante, permítese reservar espazos da área recreativa dun xeito tradicional e respectuoso co entorno, como pode ser corda ou cinta plástica, dispoñer toldos ou parasoles para protexerse do sol ou da chuvia que nunca supoñan o illamento dun espazo, así como subir aqueles obxectos directamente relacionados coa festa, coa consecuente obriga de recoller todo ao abandonar o lugar. E, por suposto, permítese gozar dunha romaría en familia e cos amigos e veciños, da música e baile tradicional galego, co fin de non perder a esencia da Festa da Xira de Santa Cruz.

0.18012690544128