Ribadeo pon en marcha a sétima edición das Panchas para dinamizar o comercio local

AMariñaXa
A campaña desenvolverase entre o 1 de novembro e o 31 de decembro e permitirá obter 40 Panchas por cada 30 euros investidos
RIBADEO presentacion Panchas 2025 moeda local
13 Oct 2025

Ribadeo prepárase para a chegada dunha nova edición das Panchas, a súa coñecida moeda local, que nesta ocasión celebrará a sétima edición entre o 1 de novembro e o 31 de decembro. Os negocios interesados en participar poderán inscribirse entre o 15 e o 24 de outubro, nunha iniciativa promovida polo Concello de Ribadeo en colaboración con ACISA coa finalidade de impulsar o consumo e apoiar o tecido comercial e hostaleiro do municipio.

O alcalde, Dani Vega, explicou que “a moeda local, a Pancha, xa está aquí, e comeza o tempo de inscribirse para todos os negocios que desexen participar”. O rexedor destacou que “a partir do 1 de novembro, todo o mundo poderá vir mercar e consumir a Ribadeo, esta capital comercial entre Asturias e Galicia, un punto de encontro onde o comercio é un sector fundamental para a nosa economía local”.

Vega subliñou que a Pancha “é un valor engadido para o noso espazo comercial, un incentivo que dinamiza as compras, xa que por cada 30 euros pódense obter 40 Panchas. Iso supón un impulso evidente para todos os establecementos adheridos”. O alcalde salientou tamén o éxito da colaboración con ACISA, “un traballo conxunto que está a dar moi bos resultados”, e engadiu que “cada día abren máis negocios en Ribadeo, o que amosa a vitalidade e o crecemento da nosa economía local”.

Nesta nova edición, a campaña contará cunha inversión total de 85.000 euros, financiada parcialmente polo Concello de Ribadeo con fondos propios e pola Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Comercio. “A Pancha é un incentivo máis que multiplica as compras no noso municipio —indicou Vega— e queremos agradecer á Xunta o seu apoio, fundamental para poder manter esta iniciativa ano tras ano”.

Pola súa banda, a presidenta de ACISA Ribadeo, Carmen Cruzado, agradeceu ao Concello “por contar unha vez máis con ACISA para desenvolver esta importante campaña, unha das máis agardadas do ano tanto polo sector comercial e hostaleiro como pola clientela que se achega a facer as súas compras aquí”.

Cruzado animou a participar tanto aos establecementos como á veciñanza: “convidamos aos locais a adherirse entre o 15 e o 24 de outubro e lembramos que as Panchas poderán empregarse entre o 1 de novembro e o 31 de decembro. Son ideais para aproveitar nas compras do Nadal ou para calquera consumo nestas datas nas que se incrementa o gasto”.

As condicións da campaña manteranse iguais ás de anos anteriores: por cada 30 euros en Panchas obteranse 40, que poderán empregarse nos establecementos adheridos. Cada persoa poderá adquirir un máximo de 400 Panchas, e en cada compra poderá gastar ata 150, aboando en euros a diferenza a partir dese límite.

Dende o Concello de Ribadeo e ACISA fan un chamamento á participación, lembrando que esta moeda local se converteu nunha ferramenta eficaz para fortalecer o comercio de proximidade, fomentar o consumo responsable e manter viva a economía da vila.

⚙ Configurar cookies
0.072195053100586