Ribadeo pon en circulación a Pancha, a moeda local para dinamizar a economía
A Pancha, a moeda local de Ribadeo, xa está na rúa desde este domingo. Unhas 50 persoas xa gastaron 1.975 panchas no primeiro día da campaña, segundo os datos facilitados este luns polo alcalde, Dani Vega.
O rexedor pronunciouse na inauguración da quinta edición da Pancha, facendo referencia á repercusión desta iniciativa no sector comercial. “Xa podedes adquirir os bonos a través do moedeiro dixital Panchapeto. Pouquiño a pouco está repercutindo de xeito positivo nos máis de 100 establecementos de comercio e de hostalería ribadenses”, dixo o Vega.
Pero ademais, a campaña tamén “beneficia á propia veciñanza e a todos aqueles que nos visitan porque obterán un aforro importante nas súas compras”, subliñou Vega. Actualmente e ata o vindeiro 31 de decembro están dispoñibles 200.000 panchas, que poden adquirirse na web, onde tamén recolle a listaxe dos establecementos participantes.
O alcalde lembrou que a campaña supón 80.000 euros de inversión cun obxectivo claro que é “estimular a economía local, darlle protagonista ao comercio e á hostalería locais”. Polo momento, a iniciativa está deixando un moi bo sabor de boca, pois xa hai “50 packs vendidos e 1.975 panchas gastadas”.
Pouco a pouco a pancha, a moeda de todos, xa está poñéndose en circulación. “Todo o mundo se está a beneficiar desta moeda, deste aforro ao que o Concello quere darlle un protagonismo importante e quere seguir investindo cada vez máis porque é unha forma de axudar á economía local, a Ribadeo, que é o que importa”, concluíu Dani Vega.