Ribadeo pon a punto o parque infantil de San Francisco

AMariñaXa
O Concello realiza labores de mellora e limpeza para garantir un espazo seguro e atractivo para a cativada
Ribadeo-zona-xogos-parque-san-francisco
23 Apr 2025

O Concello de Ribadeo vén de iniciar unha serie de traballos de mantemento e limpeza no parque infantil de San Francisco, un dos espazos máis utilizados polas familias da vila. O obxectivo destas actuacións é que a zona de xogos estea en óptimas condicións para o lecer e seguridade das nenas e nenos, segundo explicou o concelleiro de Medio Ambiente, Diego dos Santos.

Durante estes días, o persoal municipal está a substituír materiais deteriorados, así como a renovar papeleiras, luminarias e bancos. Trátase da segunda intervención deste tipo no espazo, segundo lembrou o edil, quen sinalou que “a climatoloxía e o uso constante fan que se acumule porcallada e que o mobiliario se desgaste, polo que estas tarefas son imprescindibles”.

O concelleiro tamén avanzou que as melloras continuarán noutras áreas infantís de Ribadeo nos próximos meses, co fin de que todos os parques estean preparados para ofrecer un entorno coidado e seguro para o xogo.

⚙ Configurar cookies
0.17366790771484