Ribadeo, pioneiro en Galicia na loita contra o acoso escolar coa implantación integral do programa Kiva

Ribadeo converteuse no primeiro Concello galego en implementar de forma simultánea o prestixioso programa Kiva contra o acoso escolar en todos os centros de educación primaria e secundaria. Así o confirmou a concelleira de Educación, Begoña Sanjurjo, que explicou que “o Concello implicou ao Sagrado Corazón, ao Gregorio Sanz e ao IES Dionisio Gamallo nunha cruzada para mellorar a convivencia e protexer o benestar emocional do alumnado”.
A edil subliñou que se trata dun “traballo destinado á saúde psicolóxica do alumnado, no que entre todos e todas podemos previr o acoso nos nosos colexios. Se conseguimos mellorar a convivencia dentro das aulas, esa mellora repercutirá tamén nas rúas, nos espazos de lecer e, en definitiva, en toda a vila”.
Sanjurjo lembrou que “Kiva é un programa de recoñecido prestixio, desenvolvido polo Ministerio de Educación de Finlandia, cuxa eficacia foi probada en rigorosos estudos científicos e que actualmente está implantado en máis de 30 países en todo o mundo. Basease en tres piares fundamentais: prevención, intervención e seguimento. Ribadeo é pioneiro en Galicia ao realizar unha implantación integral en todos os centros educativos, tanto de primaria como de secundaria, ao mesmo tempo”.
Para garantir o éxito do proxecto, a concelleira destacou que “o compromiso dos docentes é imprescindible. Por iso, Kiva comezou coa formación de titores, titoras, orientadoras e equipos directivos esta semana. Ademais, realizaremos un diagnóstico da situación actual para coñecer de onde partimos e, ao longo de todo o curso, desenvolveranse diversas actividades. Temos en conta que se trata dun proxecto a tres anos”.
Sanjurjo engadiu que “tamén se implicarán as familias e o persoal non docente, porque toda a comunidade educativa é quen debe plantar cara ao acoso escolar. Ribadeo súmase así de forma colectiva a unha política de tolerancia cero fronte ao acoso, protexendo aos estudantes e fomentando unha convivencia respetuosa en todos os ámbitos da vida escolar”.