Ribadeo pide á Deputación apoio para mellorar o abastecemento, o matadoiro e as instalacións deportivas

AMariñaXa
O alcalde Dani Vega traslada a Pablo Rivera as prioridades do municipio e reclama investimentos concretos para reforzar servizos esenciais
261021-Foto-Concello-Ribadeo
3 Jun 2025

O Concello de Ribadeo vén de solicitar á Deputación de Lugo novos investimentos para afrontar melloras en áreas clave como o abastecemento de auga, o matadoiro municipal e as instalacións deportivas. O alcalde, Dani Vega, mantivo nas últimas horas un encontro de traballo co deputado de Promoción Económica, Pablo Rivera, no que se abordaron diferentes necesidades e propostas de futuro para o municipio.

Vega cualificou a reunión como “positiva e construtiva”, destacando que moitas das peticións foron ben recibidas. “Quero agradecer a dispoñibilidade do deputado, porque é fundamental que se escoiten as propostas dos representantes locais. Tamén lle transmitín que é importante que o presidente da Deputación reciba aos alcaldes da Mariña, porque escoitar, valorar e investir é unha obriga institucional”, subliñou.

Entre os temas tratados, o rexedor destacou a necesidade de que a Deputación asuma o 20 % do investimento necesario para a mellora do sistema de abastecemento de auga, que cualificou como “a actuación máis relevante deste mandato municipal”. Ademais, pediu colaboración para a renovación das instalacións deportivas, como o pavillón da rúa Alfredo Deaño e o de Cubelas, solicitando un compromiso claro por parte do goberno provincial.

Outro dos asuntos clave da xuntanza foi o matadoiro municipal, para o que se propuxo que a Deputación aporte o 50 % do financiamento da súa mellora. “O deputado comprometeuse a estudar esta proposta, e confiamos en que se concrete”, indicou Vega.

No encontro tamén se valoraron positivamente investimentos xa realizados, como os 200.000 euros destinados á estrada de Vilela, unha vella demanda do Concello. Así mesmo, o alcalde destacou a importancia do Plan Único, que permitirá a Ribadeo investir 370.000 euros na rede viaria e destinar parte do orzamento a servizos como a axuda no fogar ou a contratación de persoal de limpeza.

“A colaboración institucional é clave para que os concellos poidan avanzar”, concluíu o alcalde. “É necesario que todas as administracións, desde a Xunta ata a Deputación, pasando polo Goberno do Estado, se impliquen no desenvolvemento dos municipios. En Ribadeo temos proxectos ambiciosos e sentido común para levalos a cabo, só precisamos o apoio necesario para facelos realidade”.

⚙ Configurar cookies
0.2635669708252