Ribadeo pediu a Fomento que asuma a titularidade dos alumeados das rotondas

AMariñaXa
Concello pídelle ao Ministerio de Fomento asumir a titularidade dos alumeados das rotondas de Vilaselán, Dompiñor e A Vilavella.
alumeado estrada autovia ribadeo
28 Maio 2021

O Concello ribadense pídelle ao Ministerio de Fomento asumir a titularidade dos alumeados das rotondas de Vilaselán, Dompiñor e A Vilavella. O alcalde, Fernando Suárez, considera que son un perigo para os peóns e os vehículos en días de choiva e durante o inverno. O rexedor trasladouse esta mañá ata a rotonda de Vilaselán xunto cos concelleiros de Obras e de Medio Ambiente, Mónica Freire e Jorge Díaz.

Suárez Barcia, alcalde de Ribadeo, sinalou que “facemos isto cando non nos correspondería, porque non son ámbitos municipais senón de propio Estado, porque consideramos que é a única maneira de poder volvelas iluminar porque o Estado hai dez anos, con aquelas instrucións de aforro enerxético por mor da crise, estableceu unha normativa de que as rotondas que non teñan unha serie de miles de persoas que as crucen non se deben iluminar, e con ese precepto legal seguen así desde hai anos”. 

O rexedor subliñou: “cremos que é un perigo, especialmente na rotonda de Vilaselán, que comunica o ámbito urbano do Ribadeo vila co ámbito urbano da parroquia de Vilaselán, hai pasos de peóns, etc…, esta moi mal sinalizado e é moi perigoso especialmente nas épocas do inverno, con choiva, etc… Unha cousa similar tamén poderíamos dicir das rotondas de Dompiñor e da Vilavella”.

Para Fernando Suárez: “a única maneira é que o Concello asuma o custo enerxético desas farolas para que as poidamos volver iluminar. Consideramos que será un gasto a maiores, non vai ser tampouco unha cousa doutro mundo, pero con iso melloraremos non só desde o punto de vista estético de recepción de calquera persoa e vehículo que entre en Ribadeo que poida ver as rotondas iluminadas, pero sobre todo actuaremos na seguridade tanto dos viandantes como dos vehículos que usen esas vías de comunicación”.

0.19002795219421