Ribadeo pecha o Nadal cunha multitudinaria XV Festa do Comercio de Acisa

Centos de persoas déronse cita na noite deste sábado en Ribadeo para participar na XV Festa do Comercio organizada por Acisa, un evento xa consolidado no calendario local que serve para poñer o colofón ás celebracións do Nadal na vila. A carpa instalada na avenida Rosalía de Castro, así como a propia rúa, resultaron insuficientes para acoller ao numeroso público que quixo acompañar ao comercio local nesta xornada festiva.
O acto contou coas intervencións do alcalde de Ribadeo, Dani Vega; do director xeral de Comercio da Xunta de Galicia, Gabriel Alén; e da presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, quen puxo en valor a fidelidade da clientela aos establecementos da vila. Cruzado agradeceu expresamente a ampla participación na campaña, que se reflectiu no reparto de máis de 180.000 rifas desde o pasado 5 de decembro.
O momento máis esperado da noite foi o sorteo, no que se repartiron 5.000 euros en vales de compra e unha viaxe a Menorca para dúas persoas. O premio non presencial, dotado con 250 euros en vales, correspondeu ao número 98.907, entregado no establecemento Ágora, e poderá reclamarse ata o 30 de xaneiro. Outro premio de 250 euros foi para o número 65.353, repartido en La Mirandilla, que levou Raúl Rodríguez, veciño de Rinlo.
O premio de 1.000 euros en vales de compra foi para o número 123.491, rifa entregada por unha compra en Óptica Carreira, resultando gañadora Paula Montero, de Mondoñedo. Pola súa banda, o vale de 1.500 euros correspondeu ao número 63.665, entregado en Ribamueble, que recaeu en Ana Isabel Pérez, de Lugo. O premio maior en vales, de 2.000 euros, foi para o número 142.404, rifa repartida en La Solana, que levou Ricardo López, de Ribadeo.
Finalmente, a viaxe a Menorca para dúas persoas foi para o número 168.039, papeleta entregada no comercio Grisi, resultando agraciado Carlos de la Cuétara, veciño de Ribadeo. A XV Festa do Comercio volveu así demostrar o apoio da cidadanía ao comercio de proximidade e a súa capacidade para converter o Nadal nun motor de dinamización económica e social.