Ribadeo organiza un curso preparatorio para o exame de competencias clave de nivel 2

AMariñaXa
O Concello de Ribadeo organiza un curso preparatorio para o exame de competencias clave de nivel 2.
Marta Saiz ribadeo
3 Maio 2024

O Concello de Ribadeo organiza un curso preparatorio para o exame de competencias clave de nivel 2. A formación dará comezo o vindeiro luns, 6 de maio. Vai dirixida prioritariamente ás persoas empadroadas en Ribadeo e que estean matriculadas nos exames que está previsto que se celebren o 22 xuño no Recinto Feiral da Fundación Semana Verde de Silleda (Pontevedra).

“As materias a impartir serán as de Competencia matemática de Nivel 2, Comunicación en Lingua Castelá de Nivel 2 e Comunicación en Lingua Galega de Nivel 2”, explicou a concelleira de Promoción Económica, Iniciativa Empresarial, Turismo e Comercio, Marta Saiz. A formación en Competencias Clave é “unha necesidade que se leva detectando dende fai tempo debido a que a maior parte da formación para o emprego estrutúrase en Certificados de Profesionalidade, na súa maioría de Nivel 2”.

Para o acceso a este nivel é preciso contar cunha formación mínima de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) ou equivalente. A través das probas de competencias clave, as persoas que non contan con esta titulación mínima esixida poderán demostrar que posúen as competencias clave precisas nestas tres materias (matemáticas, lingua castelá e lingua galega) para poder acceder aos Certificados de Profesionalidade de Nivel 2.

Nestes cursos preparatorios participarán “un total de 20 persoas residentes no Concello de Ribadeo que precisan desta titulación para seguir formándose e mellorando a súa situación laboral”. O curso realizarase os luns, mércores e venres, en horario de 10 a 13 horas na Casa do Viejo Pancho de Ribadeo. Rematará a finais de xuño xa que está previsto que a realización das probas teñan lugar o día 22 de xuño.

0.20202779769897