Ribadeo organiza cursos preparatorios para os exames de competencias clave de nivel 2

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
10 Mar 2020

O Concello de Ribadeo, desde a Área de Economía, Desenvolvemento Local e Turismo, vai poñer en marcha un curso destinado a preparar os exames de Competencias Clave que se celebrarán o próximo 16 de maio en Silleda. As materias a impartir serán as de Competencia matemática Nivel 2, Comunicación en Lingua Castelá Nivel 2 e Comunicación en Lingua Galega Nivel 2. A matrícula nestas probas pode realizarse a través da Sede Electrónica da Xunta de Galicia ata o día 20 de marzo.

O edil Pablo Vizoso explicou que “esta acción formativa, que impartirá o Concello, vai dirixida prioritariamente ás persoas que estean matriculadas nas materias anteriores nos exames do día do 16 de maio, aínda que dende o Concello indican que se non se cobren as prazas dispoñibles poderían matricularse todas aquelas persoas que desexen xa iniciar a preparación para os próximos exames, que a Xunta convocará previsiblemente no ano 2021”.

O concelleiro de Desenvolvemento Local dixo que “as Competencias Clave de Nivel 2 son necesarias para aquelas persoas que non conten cos requisitos formativos para poder acceder a cursos de formación con Certificados de Profesionalidade de Nivel 2. A inscrición para o curso preparatorio está aberta do 9 ao 31 de marzo, ambos incluídos. Para inscribirse é necesario acudir ás oficinas do Concello e cubrir o impreso de solicitude que se facilitará nas dependencias municipais”.

Vizoso Galdo engadiu que “a adxudicación das prazas realizarase por orde de inscrición, e terán prioridade as persoas matriculadas nos exames convocados para o 16 de maio e empadroadas no Concello de Ribadeo. As clases impartiranse nas aulas do Concello de Ribadeo, do13 de abril ao 15 de maio, en horario de mañá. As persoas interesadas en recibir máis información poden dirixirse ao Servizo de Orientación Laboral do Concello, chamando ao 982 128 650 ou a través do correo electrónico orientacionderibadeo@gmail.com”. 

0.074339866638184