Ribadeo ofrece visitas guiadas e volven as Xeorutas

AMariñaXa
Ribadeo ofrece visitas guiadas polo seu pasado ilustrado, indiano e antigo. Este verán tamén volven as Xeorutas.
presentacion visitas guiadas Ribadeo
18 Xul 2023

Ribadeo ofrece visitas guiadas polo seu pasado ilustrado, indiano e antigo. Este verán tamén volven as Xeorutas. A programación foi presentada polas concelleiras de Turismo e Cultura, Marta Saiz e Begoña Sanjurjo.

A responsable de Turismo contou que “a Concellería de Turismo ofrece un ano máis durante a tempada estival as súas visitas guiadas. Estas distribúense ó longo de toda a semana e ofrécense de forma gratuíta a todas as persoas interesadas, tanto residentes como visitantes. Para poder formar parte delas só se require inscrición previa, que se pode realizar a través da páxina turismo.ribadeo.gal”.

Marta Saiz explicou que “as visitas divídense en dous grupos, dependendo da ubicación do percorrido: as que discorren polo casco histórico e as xeolóxicas polo litoral, mais coñecidas como Xeorutas. Entre as primeiras, temos as visitas polo legado indiano e polo casco histórico (Ribadeo Indiano e Ribadeo Ilustrado), as zonas máis visitadas do centro, veranse complementadas pola visita ó Ribadeo Antigo, que percorre parte do trazado da antiga muralla e nos remonta ó período medieval”.

A concelleira ribadense seguiu a relatar que “unha vez máis, o grupo de teatro os Quinquilláns encargarase, xunto coa cuarteto de música tradicional Illa Pancha, de guiar á xente interesada todos os xoves ás 20:30 horas, dende a Casa do Concello ata a Atalaia. Pola súa parte, Jesusa da Mariana, deleitará a todas as persoas que queiran coñecer un pouco máis a fondo a historia dos nosos emigrados percorrendo con eles cada domingo pola tarde a ruta indiana. E Fran Canosa, recoñecido xeólogo que colabora dende hai anos coa oficina de turismo, ofrece catro interesantísimas rutas ó longo do litoral do municipio: a Xeoruta dos Pregues, a Xeoruta dos Ollos, a Xeoruta dos Arcos e a Xeoruta da Ría”.

Saiz engadiu que “na oficina de turismo dispoñen de información completa sobre estas rutas e de material gráfico sobre as mesmas”.

0.2089319229126