Nova xornada gastronómica Asturias en Ribadeo
A Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos, Acisa, Ribadeo organiza unha nova das xornadas gastronómicas Asturias en Ribadeo, que se celebrarán os días 25, 26 e 27 de outubro. Tamén o 25 máis de vinte comercios participarán na Noite Aberta. As tendas abrirán ata as 21.30 horas.
Vinteún establecementos de hostalería participarán nas xornadas coas súas elaboracións da mellor gastronomía asturiana. Estes locais son: O Tumbín, Cienfuegos, O Lar de Manolo, La Botellería, A Dorada, Galipizza, Porta Norte, Bar Galicia, O Alén, Chamaye Estopa, O Cabazo, Costa Verde, Delicates, Queimada, Rosa Lar, La Solana, El Rincón del Gordo, Náutico, Mesón Morriña, La Lira e Mesón O Indiano. Estes locais ofrecerán tapas e menús especiais ao longo da última fin de semana do mes de outubro.
Acisa Ribadeo programou ademais varias actuacións musicais para amenizar esta cita gastronómica. O venres 25 ás 21.30 horas na praza José María López (zona vella) actuará Sara Cangas; o sábado 26 ás 21.00 horas na rúa San Francisco ofrecerá un concerto Moot´Moller, e ás 22.00 horas na praciña de San Roque estará Viti Gutier; o domingo 27 a partir das 13.00 horas percorrerá as rúas da vila a banda de gaitas El Penedón.
Ademais o venres 25, Acisa celebra unha nova edición da Noite Aberta na que os establecementos participantes pecharán ás 21.30 horas e ofrecerán interesantes descontos e promocións. Un total de 23 comercios de moda e complementos participan. Son: Sanjurjo Moda, Esprit, Mika, Nina, Ginzo, Julia Moda infantil, La Moda Sport, Pepa Peineta, R23, Platería Gutié, Azabache, Bora Bora, Terra Branca, Anais, Glass, Adele, Sendín, La Coqueta, Naná Tienda, La Moda hombre, Saia, Coco e Jatay.
O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, anima a acudir a vindeira fin de semana de Ribadeo: “será un bo momento para saborear a gastronomía asturiana en Ribadeo, para aproveitar as promocións especiais que ofrecerá o comercio e para escoitar boa música e diferentes localizacións da vila”.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, explica que “as xornadas gastronómicas Asturias en Ribadeo foron desde o primeiro momento un reclamo tanto para os residentes na Mariña lucense como para os veciños e veciñas do Principado, de aí que as organicemos de novo este ano. Quixemos nesta edición fusionar gastronomía, con música e con comercio para que a fin de semana do 25 ao 27 de outubro sexa do máis completa”.