Ribadeo ocupará a finais de mes os terreos para o novo centro de saúde e aproba o irmandamento con Tala (Uruguai)

O Concello de Ribadeo avanzará este mes un dos proxectos máis agardados pola veciñanza: a construción do novo centro de saúde. No pleno celebrado o luns, aprobouse a resolución definitiva do expediente de expropiación dos terreos, polo que a súa ocupación efectiva será o 29 de xullo. A partir de aí, segundo explicou o alcalde Dani Vega, prevese que a cesión oficial á Consellería de Sanidade se realice durante a segunda quincena de setembro. “O seguinte paso será a redacción do proxecto e a execución das obras”, indicou.
Xunto a este asunto, o pleno tamén abordou a expropiación forzosa da antiga Casa Maseda, aínda en fase de tramitación. “É un procedemento máis lento, pero garantista tanto para a administración como para os propietarios”, subliñou Vega.
A sesión plenaria incluíu outros temas económicos, como a aprobación de facturas pendentes de 2022, relacionadas co alumeado público do rural ou contratos de servizos como o das fotocopiadoras. Tamén se validaron modificacións orzamentarias, necesarias para recibir subvencións autonómicas destinadas a infraestruturas como o pavillón, o campo de fútbol ou a mellora de rúas.
Ademais, tratouse a liquidación de gastos da residencia de maiores, asumida conxuntamente pola Deputación e o Concello, e aprobáronse partidas destinadas a programas como o xantar na casa. Tamén se deixou preparado o marco para as subvencións previstas no orzamento de 2025.
En materia de calendario local, acordáronse por unanimidade os festivos municipais de 2026, que serán o día da patroa e o martes de Entroido.
Un dos puntos máis emotivos da sesión foi a aprobación do irmandamento de Ribadeo coa localidade de Tala, no Uruguai, situada no departamento de Canelones. Vega agradeceu o impulso de múltiples colectivos e entidades sociais para levar esta proposta ao pleno, que busca homenaxear a figura de "El Viejo Pancho", poeta nado en Ribadeo que desenvolveu en Tala a súa obra en defensa da lingua e cultura gauchescas. “Será o segundo pobo co que nos irmandamos, tras Loctudi (Bretaña), e unha maneira de manter viva a súa memoria”, destacou o rexedor.
Finalmente, o alcalde quixo pór en valor o clima de consenso da sesión, sinalando que “practicamente todas as propostas contaron co apoio da oposición” e reafirmou o compromiso do goberno local de “seguir traballando por un Ribadeo que avance”.