Ribadeo mobilízase polo 25N cunha ampla programación social, artística e educativa

AMariñaXa
O Concello impulsa accións participativas, exposicións e actividades culturais para reforzar a loita colectiva contra a violencia machista
25n xenérico
22 Nov 2025

O Concello de Ribadeo, a través da Área de Igualdade e do Centro de Información á Muller (CIM), vén de presentar a programación deseñada para conmemorar o 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Baixo o lema “En Ribadeo, a violencia machista non ten lugar, nin escusa, nin silencio”, o municipio prepara un conxunto de propostas dirixidas a diferentes sectores da poboación.

A concelleira de Igualdade, Begoña Sanjurjo, explicou que o obxectivo deste ano é “implicar ao conxunto da veciñanza a través de iniciativas educativas, sociais, culturais e artísticas”, co fin de seguir avanzando cara a un Ribadeo libre de violencias. Destacou que todas as actividades están pensadas “para reforzar a sensibilización colectiva e lembrar que a igualdade é un traballo constante e compartido”.

Entre as iniciativas máis destacadas figura o proxecto Paraugas contra a Violencia, un obradoiro creativo no que participan centros educativos como o CEIP Gregorio Sanz, CEIP A Devesa, Sagrado Corazón, IES Dionisio Gamallo e o CIFP Porta da Auga, ademais de entidades sociais como a Asociación de Amas de Casa, a Asociación de Mulleres Rurais do Norte, o Obradoiro Tecendo Igualdade, a Escola de Música e o Centro de Día A Concordia.

As pezas elaboradas exhibiranse na Praza de Abastos e na Oficina de Turismo, convertendo estes espazos en instalacións simbólicas abertas á cidadanía. O Concello agradeceu a implicación de todos os colectivos.

O propio 25 de novembro celebrarase a lectura do Manifesto Institucional, un acto que terá lugar baixo os paraugas decorados polos centros e asociacións. Para Begoña Sanjurjo, esta imaxe representa “a protección colectiva ante a violencia machista e o compromiso de Ribadeo cos dereitos das mulleres”.

Outro eixo da programación céntrase no traballo educativo realizado polo CIM nos centros de ensino. A avogada e a psicóloga do servizo impartiron obradoiros nos que o alumnado elaborou mensaxes propias sobre a igualdade. Este ano creáronse tres modelos de postais, dúas delas protagonizadas polos Cocos de Ribadeo, e outra máis creativa e persoal.

As postais permanecerán expostas desde o 25 de novembro na antiga Oficina de Turismo. A concelleira remarcou que se trata dunha mostra que permite “escoitar e aprender da mirada crítica e sensible da mocidade”.

O Concello tamén distribuíu entre o comercio e a hostalaría pegatinas co lema da campaña, ilustradas coa Illa Pancha. Trátase dunha acción pensada para visibilizar o apoio do tecido local contra a violencia machista.

Programación cultural do 25N

– 25 de novembro – 20:00 h – Auditorio Municipal: Vitória, retrato dunha denuncia, unha peza autobiográfica protagonizada por Iria Pinheiro sobre o proceso xudicial vivido tras denunciar acoso sexual.

– 30 de novembro – 20:00 h – Cine Teatro: concerto Na Casa Deles, do cuarteto vocal Son de Corda, que transforma en música poemas de autoras galegas como Marica Campo, Luz Pozo ou Xela Arias. Algunhas pezas foron compostas pola ribadense Carme Rodríguez.

– 2 de decembro – 11:00 h – Auditorio Municipal: Golpes, con Estíbaliz Veiga, inspirado na obra No solo duelen los golpes, de Pamela Palenciano. Dirixido ao alumnado, con acceso do público xeral previa reserva a través do CIM.

Co conxunto desta programación, o Concello de Ribadeo reafirma o seu compromiso cunha sociedade baseada na igualdade, o respecto e a tolerancia cero. E lembra a mensaxe central da campaña: “En Ribadeo, a violencia machista non ten lugar, nin escusa, nin silencio”.

⚙ Configurar cookies
0.083433866500854