Ribadeo mellorará as estradas de Remourelle e Vilaframil cun investimento de 100.000 euros

Ribadeo destinará 100.000 euros á mellora das estradas de Remourelle e Vilaframil, dentro do Plan Avanza Rural. Os traballos, financiados a través dos novos convenios asinados coa Xunta de Galicia para mellorar a rede viaria local, comezarán nos próximos días.
O alcalde, Dani Vega, destacou que o obxectivo principal é mellorar as infraestruturas e vías de comunicación do municipio. En concreto, en Remourelle actuarase sobre un tramo de estrada que dá acceso a explotacións gandeiras e a un núcleo de poboación. Segundo Vega, estas vías levaban moito tempo nun estado de abandono, polo que é necesario poñerlles solución.
O rexedor explicou que o proceso para levar a cabo estas obras consiste en identificar as prioridades, xestionar o orzamento e planificar a inversión. “Xa estamos concretando o inicio das obras e nos próximos días melloraremos estes dous puntos tanto en Vilaframil como en Remourelle”, engadiu. Ademais, indicou que nos próximos meses intervirase noutras parroquias e en máis infraestruturas que presentan un notable deterioro.