Ribadeo mellorará a Escola de Música e actuarán no Cargadeiro e na praia dos Castros
O Concello realizará melloras na Escola de Música, onde instalará un ascensor para eliminar as barreiras arquitectónicas. Este foi un dos asuntos abordados no pleno extraordinario, no que os suplementos de crédito foron os protagonistas. O alcalde, Dani Vega, subliñou que actuarán en infraestruturas. “Falamos de estradas do noso rural, para as que debemos aportar orzamento propio. Vou poñer un exemplo, cando imos investir por parte da Xunta 164.000 euros, o Concello aporta 68.000 euros. Polo tanto necesitamos aprobar nas contas municipais a achega local”.
Tamén se referiu ás actuación na Escola de Música, onde teñen un orzamento da Xunta de 40.000 euros de convenio e tamén solicitaron unha subvención para eliminar as barreiras arquitectónicas coa instalación dun ascensor. “Neste caso a maior porcentaxe é da Xunta, pero o Concello ten que achegar 8.000 euros”.
Ademais, seguirán pedindo axudas para arranxar o xulgado de paz. “Levaban prometidas durante moito tempo subvencións do Goberno de España ou da Deputación, pero por desgraza non chegaron. Nós non queremos confrontar e seguiremos pedindo a esas administracións, pero solicitamos unha axuda á Xunta, de preto de 150.000 euros, pero o Concello ten que poñer 30.000 euros”.
Arranxar espazos naturais e turísticos
O alcalde indicou que “estes 107.000 euros temos que contemplalos nos orzamentos de 2024 para seguir xestionando e investindo”. Tamén contemplan nos orzamentos os 70.000 euros de convenio para arranxar e conservar os espazos naturais e turísticos, como o Cargadeiro, a praia dos Castros, As Illas ou Esteiro. “Neste caso teremos un convenio no que o Concello non vai ter que aportar ningún euro, pero si que hai que contemplar este convenio nos orzamentos municipais”.
Vega tamén asegurou que continúan aprobando as contas en tempo e en forma e nutrindo de orzamento para seguir pagando as facturas. “Isto é moi importante, xestionar orzamento, ter liquidez para seguir pagando esas facturas e seguimos contemplando orzamentos para ter programadas as licitacións: luces de Nadal, a Pancha… Distintas licitacións que temos que facer e necesitamos aprobar nos orzamentos do 2024 toda esta inversión que iremos facendo paulatinamente”.