Ribadeo mellora os camiños de todas as súas parroquias

AMariñaXa
O Plan Avanza Rural do Concello de Ribadeo chegará a todas as parroquias
Dani-Vega-e-Diego-Dos-Santos
22 Xuño 2024

O Plan Avanza Rural do Concello de Ribadeo chegará a todas as parroquias nas que mellorará os camiños coa axuda dunha motoniveladora, dunha pala e dun camión. O alcalde, Dani Vega, dixo que seguen xestionando orzamento e todo tipo de recursos para que Ribadeo avance. “Neste caso, dentro do Plan Avanza Rural estamos xestionando recursos para arranxar os nosos camiños. Falamos dunha motoniveladora, estamos falando de pala e camión. Con isto o que queremos é mellorar todos os camiños que estaban despois de moitísimos anos certamente abandonados”.

Houbo unha primeira parte que era roza e limpeza de toda a maleza e agora, “limparanse todas as cunetas coa motoniveladora, tamén ese punto de apoio con pala e camión, polo tanto son recursos que ao Concello non lle custan, xa que foi unha xestión e unha colaboración a través de Medio Rural e estamos mellorando todos os camiños”.

Vega explicou que “primeiro escoitamos ás asociacións, tamén aos veciños, para que nos detectaran ou que nos priorizaran, mellor dito, cales son os camiños que en peor estado están. Despois iremos por todas as parroquias, empezamos en Vilaselán, actuamos xa tamén en Piñeira, vamos facer esa primeira limpeza de toda a terra que está obstruíndo as cunetas, e despois en moitas delas que están certamente moi deterioradas aportaráselles saburra para mellorar o pavimento”.

Non solo actúan nas vías de comunicación con aglomerado, “senón tamén que despois de moitos anos certamente de abandono actuamos nas pistas, nos camiños, que tamén necesitan unha mellora. Seguimos xestionando o que vén sendo fondos e orzamento para mellorar todo o tipo de infraestruturas e tamén material, equipamento para mellorar os camiños das nosas parroquias”.

0.18013620376587