Ribadeo mellora o parque de San Miguel e a rúa Illa Pancha cun convenio coa Xunta

AMariñaXa
O Concello retirará os setos do parque para garantir a seguridade e renovará o firme da rúa Illa Pancha
ribadeo-rúa-Illa-Pancha
24 Mar 2025

O Concello de Ribadeo continúa coa renovación do parque de San Miguel e acometerá tamén o arranxo da rúa Illa Pancha, grazas ao convenio asinado coa Xunta de Galicia. O alcalde, Dani Vega, destacou que estas actuacións permitirán mellorar espazos clave da vila e atender demandas veciñais históricas.

No parque de San Miguel, xa se renovaron o chan e os xogos infantís nunha primeira fase financiada ao 100 % pola Xunta. Agora, cun segundo convenio, tamén con financiamento íntegro da administración autonómica, procederase á retirada do mobiliario actual para instalar novo equipamento, incluíndo mesas, bancos e papeleiras. Ademais, eliminaranse os setos vexetais e colocarase unha varanda de madeira para garantir a seguridade do recinto e cumprir coa normativa vixente.

Por outra banda, tamén se actuará na rúa Illa Pancha, onde se fresará e limpará o firme antes de aplicarlle un novo aglomerado en quente. Vega salientou a importancia desta obra, xa que a vía presenta un estado moi deteriorado con numerosas fochancas, unha situación que os veciños levan anos reclamando solucionar. “Non podíamos permitir que continuase así”, afirmou o rexedor, engadindo que “a mellora permitirá aos residentes acceder aos seus aparcadoiros con comodidade e contar cun entorno digno”.

O alcalde asegurou que o Concello segue traballando na posta en valor dos espazos públicos, co obxectivo de facer de Ribadeo un lugar mellor para vivir. “Pouco a pouco estamos mellorando os nosos espazos. O parque de San Miguel convértese nun lugar seguro e acolledor para as familias, mentres que a rúa Illa Pancha deixará atrás o abandono e presentará un estado axeitado para os seus veciños”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.48392105102539