Ribadeo mellora a estrada de Remourelle cun investimento de 50.000 euros

AMariñaXa
O Concello continúa coa súa planificación de obras nas parroquias rurais, dentro dun plan global de 1,4 millóns de euros para modernizar as infraestruturas viarias
Remourelle-estrada-ribadeo
12 Nov 2025

O Concello de Ribadeo vén de acometer unha nova actuación de mellora nas súas infraestruturas rurais coa reparación integral da estrada de Remourelle, unha vía que dá servizo a varias ganderías e que se atopaba nun estado de notable deterioro. O proxecto contou cun investimento de máis de 50.000 euros achegados pola Xunta de Galicia, segundo explicou o alcalde, Dani Vega.

O rexedor sinalou que esta intervención forma parte dunha estratexia máis ampla de actuacións que o goberno local está a desenvolver en distintas parroquias do municipio. “Seguimos xestionando moito orzamento para mellorar as nosas infraestruturas e vías de comunicación. Actuamos en Remourelle, nunha estrada que estaba totalmente esnaquizada e que daba servizo a varias explotacións gandeiras. Investimos máis de 50.000 euros por parte da Xunta de Galicia, dentro dunha planificación que non é sinxela, porque non é doado chegar a todos os puntos tan rápido como queremos”, explicou Vega.

O alcalde insistiu na importancia de contar cun plan de investimentos estruturado e sostido no tempo. “O que si debe existir é unha planificación de investimento, e nós témola, cun total de 1,4 millóns de euros, que nos permite actuar de maneira progresiva en distintas zonas do municipio”, subliñou.

Vega engadiu que a mellora desta estrada é un paso máis dentro dunha dinámica de renovación continua das vías municipais, especialmente nas parroquias máis afastadas do núcleo urbano. “Pouco a pouco imos ir actuando en varios sitios, en varias parroquias, en varias zonas onde levaban moitos anos as estradas esnaquizadas. Seguimos nesa xestión permanente e continua de orzamento para mellorar as nosas infraestruturas e así Ribadeo avanza”, destacou.

Co arranxo desta vía, o Concello busca facilitar o tránsito diario de veciños e profesionais do sector agrogandeiro, garantindo unha rede viaria máis segura e funcional. As actuacións en Remourelle supoñen, ademais, un exemplo do compromiso municipal coa mellora do medio rural e coa cohesión territorial entre as distintas parroquias de Ribadeo.

⚙ Configurar cookies
0.07427191734314