Ribadeo mellora a estrada da Siñeira cun investimento de 50.000 euros financiado pola Xunta

AMariñaXa
O alcalde, Dani Vega, subliña que a actuación en Vilaframil incrementa os anchos da vía e forma parte dun plan global de mellora das comunicacións no municipio
RIBADEO-obras-Vilaframil-2025
3 Nov 2025

O Concello de Ribadeo acometeu a mellora da estrada da Siñeira, na parroquia de Vilaframil, cun investimento de preto de 50.000 euros achegados integramente pola Xunta de Galicia. As obras, que xa están en marcha, forman parte do plan municipal de renovación das infraestruturas viarias.

O alcalde, Dani Vega, explicou que “seguimos xestionando orzamento para mellorar as nosas vías de comunicación. Neste caso actuamos en Vilaframil, no barrio da Siñeira, onde estamos mellorando toda esta infraestrutura”. O rexedor detallou que os traballos inclúen “unha limpeza previa, obras de fábrica, o firmado do pavimento e a nova sinalización”, ademais dun aspecto que considerou clave: o aumento da anchura da calzada. “Pasamos de 3,80 a 4,20 metros e nesta estrada hai puntos que chegan aos 5,10”, indicou.

Segundo Vega, trátase “dunha mellora significativa” que se engade a outras intervencións previstas ao longo deste ano. “Esta actuación, 100 % financiada pola Xunta, afecta a un tramo de 400 metros e supón unha mellora importante para os veciños e veciñas da zona”, sinalou. O alcalde lembrou tamén que “ao longo de 2025 investiranse 1,4 millóns de euros no total das nosas infraestruturas, co obxectivo de reforzar a seguridade e a comodidade das comunicacións no municipio”.

⚙ Configurar cookies
0.072321176528931