Ribadeo lánzase á diversidade con actividades para todos os públicos durante o mes do Orgullo

AMariñaXa
A campaña Ribadeo Orgullosa 2025 combina cultura, arte, educación e participación para reivindicar o respecto e a liberdade de ser un mesmo
261021-Foto-Concello-Ribadeo
15 Jun 2025

A Área de Igualdade do Concello de Ribadeo vén de presentar a programación da campaña Ribadeo Orgullosa 2025, que se desenvolverá ao longo do mes de xuño con iniciativas dirixidas a públicos diversos e un obxectivo común: visibilizar a diversidade, fomentar o respecto mutuo e celebrar a liberdade identitaria.

A concelleira de Igualdade, Begoña Sanjurjo, destacou que a campaña vai moito máis alá dunha axenda cultural: “Organizar esta programación é tamén unha maneira de dicir, con voz alta e clara, que en Ribadeo cabemos todas e todos, sexamos como sexamos. Queremos un concello onde cada persoa poida vivir con liberdade e sen medo a ser quen é”.

Unha das primeiras propostas do calendario é Rosa e Azul, unha actividade deseñada para o alumnado de 5º e 6º de Primaria dos centros educativos ribadenses. A sesión consiste en contos teatralizados que mesturan relatos reais e de ficción co uso de monicreques e xoguetes artesáns. A finalidade é clara: derrubar estereotipos de xénero e cuestionar o binarismo que condiciona desde a infancia. A través do xogo e da palabra, o alumnado é convidado a reflexionar sobre o amor, o respecto, a tolerancia e a igualdade.

Tamén haberá espazo para a creatividade plástica. O Concello vén de convocar un concurso artístico aberto a persoas naturais ou residentes en Ribadeo para deseñar un mural arredor da diversidade, a igualdade e a visibilización do colectivo LGTBIQ+. As obras poderán realizarse con calquera técnica mural feita a man —grafiti, pintura, estarcido…— e deben inspirarse en Ribadeo como espazo de diversidade.

O prazo para presentar as propostas está aberto ata o 27 de xuño ás 14:00 horas. As bases poden consultarse na web do Concello. O xurado seleccionará tres bosquexos finalistas, dos que sairá o mural gañador, que será anunciado o 28 de xuño. A peza final executarase nun mural situado no ascensor panorámico do paseo marítimo, cunhas medidas de 2,20 por 3 metros. A persoa seleccionada recibirá un premio de 600 euros e un vale de compra de 50 euros ofrecido por Acisa Ribadeo.

A xornada central da campaña terá lugar o venres 28 de xuño e contará cunha tarde repleta de actividades abertas a toda a cidadanía. Entre as 17:30 e as 19:00 horas instalarase un punto de recollida da iniciativa Completa a túa bandeira no Parque de San Francisco. Esta proposta convida á veciñanza a ir recollendo en distintos comercios locais as cores que compoñen a bandeira LGTBI. Quen logre completala poderá depositala na urna da campaña e participar nun sorteo presencial ao final do día.

Desde as 19:45, o grupo Pandereitos do Inferno animará as rúas cun percorrido musical desde o centro cara ao Auditorio Municipal, onde se procederá á lectura pública do Manifesto do Orgullo e á entrega do premio do concurso do mural. Como broche final, a Coral Polifónica de Ribadeo ofrecerá ás 20:45 horas un concerto baixo o título Coral Orgullosa, cun repertorio especial adaptado ao espírito da campaña.

Durante o acto, tamén se realizará o sorteo correspondente á actividade Completa a túa bandeira. O premio consistirá nun brunch para dúas persoas no restaurante Araucaria e unha bandexa de produtos locais valorada en 90 euros.

Sanjurjo destacou que Ribadeo Orgullosa 2025 é unha celebración aberta, participativa e comprometida: “Reafirmamos o compromiso institucional co respecto, a igualdade e a visibilización da diversidade, sumando cultura, educación e participación cidadá. É unha celebración pensada para todas as persoas, sen excepción”.

⚙ Configurar cookies
0.13531112670898