Ribadeo lánzase á cultura cun verán cheo de música, teatro e tradición

AMariñaXa
Carlos Núñez, o Mago Antón e Pepo Suevos, entre os pratos fortes dunha axenda cultural diversa que se estende ata finais de setembro
Ribadeo cultura 3 trimestre 2025 BEGOnA-SANJURJO-AXENDA-2025
4 Jul 2025

O Concello de Ribadeo xa ten preparada a súa axenda cultural para o terceiro trimestre deste 2025, cunha programación que mestura espectáculos musicais, actividades infantís, teatro, exposicións e festas populares. A concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, explicou que “esta nova tempada comeza forte coas vésperas do Ribadeo Indiano e continúa con eventos para todos os públicos ata ben entrado setembro”.

Entre as primeiras propostas destacan a presentación do libro El Rey de los Jíbaros, o concerto da Filarmónica de Lugo e a visita dos Bolechas, que compartirán co público infantil o seu novo libro Ribadeo Indiano. Ese mesmo domingo haberá tamén jazz e mercado alternativo na praza de Pancho Maseda e no Cantón, respectivamente, ademais da obra teatral La recepción no auditorio municipal.

A semana grande do Ribadeo Indiano dará paso ás Xornadas de Historia Local, organizadas pola Asociación Francisco Lanza, seguidas do Festival de Bandas e a actuación do Mago Antón. Un dos momentos máis esperados será o concerto de Carlos Núñez, o día 22, dentro da súa xira Os lugares máxicos. Circo de rúa, música tradicional e a celebración do Vendaval Fest completan o calendario de xullo, que rematará cun novo encontro literario a cargo de Fernando Jáuregui.

No eido expositivo, Ribadeo acollerá este verán mostras como Fotocolaxe, de Miguel Hernández Acevedo, Pilar de Florencia, e a exposición de Afundación Nós tamén fomos emigrantes, que se manterá activa durante agosto. Para ese mes están previstas ademais exposicións de Nenó de Sela, Ramón López e Luis Miguel Gallego.

Agosto comezará co 70 aniversario da Coral Polifónica, que ofrecerá un concerto especial na igrexa parroquial. A primeira fin de semana estará marcada polas festas do percebe en Rinlo e a tradicional Xira de Santa Cruz. Non faltarán tampouco propostas para os máis novos e amantes do audiovisual: todos os mércores haberá concertos Rock by Me no auditorio de Cabanela e os días 7 e 8 celebrarase o Festival de Cine Curto da man da asociación Areas Movedizas.

O segundo fin de semana musical traerá un concerto de temática Disney e o espectáculo Maricarme. A programación familiar continuará coas actuacións de Charlatán Rodríguez e Glamping Suma os días 14 e 22, mentres que o 15 o Festival Bal y Gay ofrecerá dúas actuacións da Orquestra Sinfónica do Principado de Asturias acompañada polo prestixioso Cuarteto Quiroga.

As festas populares volverán protagonizar o tramo final do mes. O día 16 celebraranse San Roque e a Festa da Carne ó Caldeiro; o 23 será a quenda da Festa da Ría e o Guateque; e o 30, as Anzas acollerán A Malla, mentres que Cedofeita e Xaramelo terán tamén as súas propias celebracións.

Setembro arrancará coas Festas da Patroa, cuxo pregón se lerá o 29 de xullo. A Coral Polifónica celebrará un concerto solidario o día 4 e, durante a primeira quincena do mes, a historia do astaleiro Gondán poderá visitarse na Oficina de Turismo. As Xornadas Mar por Medio terán lugar o fin de semana do 20, e a despedida cultural deste intenso trimestre será o 27, coa actuación de Pepo Suevos e a súa Xira do cuarto de século no auditorio municipal.

⚙ Configurar cookies
0.16715407371521