Ribadeo lanza unha campaña para promover a limpeza viaria entre as persoas con animais

O Concello de Ribadeo vén de poñer en marcha unha nova campaña de sensibilización baixo o lema “Comparte coa túa mascota un Ribadeo limpo”, coa que busca apelar á conciencia e á responsabilidade das persoas propietarias de animais para manter os espazos públicos en bo estado.
O alcalde, Dani Vega, foi quen presentou a iniciativa, destacando que “unha vila limpa é cousa de todos, non só do Concello ou do persoal de limpeza. É necesario que cada cidadán e cidadá asuma o seu papel nesta tarefa colectiva”. A campaña céntrase especialmente en lembrar a obrigatoriedade de recoller os excrementos dos cans e de limpar as miccións nas rúas, beirarrúas e prazas.
Dende o Concello advírtese que a ordenanza municipal será aplicada con rigor. “As persoas que incumpran as normas deben saber que poden enfrontarse a sancións que oscilan entre os 100 e os 750 euros”, explicou o rexedor. A día de hoxe, xa se tramitaron 25 multas por infraccións deste tipo, segundo confirmou.
Vega anunciou tamén un incremento na vixilancia por parte da Policía Local para garantir o cumprimento das normas e mellorar a convivencia cidadá: “Queremos construír o Ribadeo do presente e do futuro, e iso pasa tamén por rachar cos comportamentos incívicos que afean o noso entorno”.
A campaña pretende combinar a acción sancionadora cunha mensaxe positiva que promova o respecto mutuo. “Entre todos podemos lograr un Ribadeo máis limpo. Compartir espazos coas nosas mascotas debe ser compatible cun entorno coidado. Esta iniciativa vai nesa dirección”, concluíu o alcalde.