Ribadeo lanza un portal de emprego

AMariñaXa
Ribadeo lanza un portal de emprego. Está dirixido tanto ás persoas que buscan traballo activamente como ás empresas ou autónomos
feira do queixo de friol e pan de ousa9
29 Mar 2022

A Área de Desenvolvemento Local e o Servizo de Orientación Laboral do Concello ribadense poñen en marcha un novo portal de emprego, unha ferramenta segura e eficaz que facilita o contacto entre empresas e demandantes de emprego.

Está dirixido tanto ás persoas que buscan traballo activamente como ás empresas ou autónomos/as que necesitan incorporar persoal.

Será como un servizo público á disposición da cidadanía e das empresas e actividades do municipio, coa finalidade de contribuír ao impulso do traballo na vila. Forma parte dun proceso de mellora e de modernización da bolsa de emprego que xa existía no Concello e este portal integra tanto a xestión das solicitudes das persoas que están buscando traballo coma as ofertas de emprego das empresas que están levando a cabo algún proceso de selección de persoal.

Deste xeito as persoas demandantes de emprego poderán darse de alta no portal e xestionar o seu currículo, que poderán asociar ás ofertas de traballo relacionadas co seu perfil profesional. Recibirán no seu correo electrónico todas as ofertas de traballo publicadas no portal, así como novas relacionadas coa formación ocupacional e co ámbito laboral na nosa contorna.

Pola súa banda as empresas poden publicar ofertas de traballo para os perfís profesionais que queren cubrir ou que están buscando e recibirán o currículo das persoas interesadas en inscribirse nesa oferta. Contémplase tamén a posibilidade de que as persoas particulares que estean buscando persoal de axuda no fogar poidan dar de alta as súas ofertas de traballo.

Este portal de emprego chega precisamente a tempo para comezar a cubrir os postos de traballo que normalmente, ano tras ano, se veñen incrementando a partir destas datas, cadrando coa Semana Santa e seguidamente empatando xa coa temporada de verán, polo que agardamos que teña unha moi boa acollida e que tanto as empresas como as persoas que buscan traballo se animen a darse de alta e a publicar e xestionar as súas ofertas e currículos.

Para acceder ao portal tan só hai que dirixirse ao seguinte enderezo: www.portalemprego.ribadeo.gal.

0.11169981956482