Ribadeo lanza un concurso de fotografía para promover a igualdade de xénero

O Concello de Ribadeo pon en marcha unha nova edición do concurso de fotografía "Obxectivo Igualdade 2025", unha iniciativa promovida pola Área de Igualdade no marco da programación do 8M. O certame está aberto á participación desde o 19 de marzo ata o 4 de abril e busca imaxes que capturen a igualdade de xénero desde diversas perspectivas, como a corresponsabilidade no fogar, o deporte en igualdade ou a conciliación laboral.
A concelleira de Igualdade, Begoña Sanjurjo, anima á cidadanía a participar: “Queremos ver a vosa creatividade e a vosa visión sobre a igualdade. A participación é moi sinxela: só hai que enviar as fotografías ao correo cim@ribadeo.gal co asunto ‘Obxectivo Igualdade 2025: Que é para ti a igualdade?’”.
O concurso contará con tres categorías: a Categoría A, para mozos e mozas de 12 a 17 anos, cun premio de 250 € e diploma; a Categoría B, para maiores de 18 anos, que recibirán tamén 250 € e diploma; e a Categoría C, destinada a Centros de Ensino, con 200 € en material para o centro gañador e 50 € en vales ACISA para o/a alumno/a gañador/a, ademais dun diploma.
Desde o Concello destacan que este certame non só busca premiar a creatividade, senón tamén concienciar á sociedade sobre a importancia de construír un mundo máis igualitario.