Ribadeo lanza a campaña A pedir de boca para apoiar aos locais de hostalería

TerraChaXa | AMariñaXa
Ribadeo lanza a campaña A pedir de boca para apoiar aos locais de hostalería. Trátase dunha aplicación para móbiles.
11 Dec 2020

O Concello de Ribadeo ven de lanzar a campaña A pedir de boca, co obxectivo de apoiar aos establecementos hostaleiros que dispoñan de servizo de comida a domicilio ou para levar, e así contribuír a incentivar este sector neste sensible momento. Trátase dunha aplicación para móbiles onde se ofrecerá información dos produtos culinarios dos locais adheridos, da súa oferta gastronómica permanente ou dos menús especiais para Nadal.

O concelleiro de Desenvolvemento Local de Ribadeo, Pablo Vizoso, contou que “co lema Estamos listos/as para recibir os teus pedidos, o Concello de Ribadeo dende a Delegación de Desenvolvemento Local, Turismo e Economía lanza a iniciativa A pedir de boca, para poñer a disposición do público e dos hostaleiros unha plataforma tecnolóxica que permita a visibilización conxunta de todos os establecementos adscritos e adheridos a esta iniciativa. Trátase dunha aplicación para móbiles, tanto Ios como Android, desde a que se ofrecerán propostas culinarias pensadas para levar a domicilio ou para recoller no propio establecemento. Para desenvolvela utilizaremos a xa coñecida aplicación Ribadeo Gastronómico, que ata agora se viña empregando no concurso Ribadeo de Tapeo”.

O edil explicou que “unha vez que se descargue esta aplicación e que se acceda a ela, poderase xa a partir de agora obter información de todos os establecementos que ofrecen a comida a domicilio ou para levar, e permite tamén realizar buscas por categorías dos locais, é dicir, por restaurantes, establecementos de racións, pizzerías, etc…, e tamén permitirá atopar unha oferta gastronómica permanente ou escoller os menús especiais para este Nadal. Unha vez que o cliente escolle o establecemento, realizará o seu pedido segundo a modalidade que o local propoña, que poderá ser vía telefónica, chat de whatsapp ou outras modalidades. Os pedidos deberán ser verificados sempre polo hostaleiro, remitindo unha resposta á clientela na maior brevidade posible e os pagos tamén serán directamente xestionados entre o cliente e o hostaleiro, indicándose sempre a forma de pago admitida polo establecemento, ben sexa por tarxeta, en efectivo ou online”.

Pablo Vizoso dixo que “sabemos que a tendencia de encargar comida a domicilio ou para levar está en alza e por iso precisamente cremos que este é o momento de dar a coñecer, dunha maneira integrada, este novo servizo promovido polo Concello de Ribadeo, e que xa actualmente algúns establecementos da vila o están a ofrecer. Á súa vez estamos seguros que esta ferramenta poderá ser empregada para promocionar os menús especiais de cara a este Nadal”. E engadiu que “no momento do lanzamento a app conta xa con máis de vinte establecementos adheridos, pero aínda así quero remarcar que se trata dunha ferramenta viva e que está pensada para novas incorporacións e para posibles modificacións nun futuro próximo. De feito, aqueles establecementos que queiran adherirse poderán facelo de forma gratuíta, sempre que o seu negocio estea ubicado en Ribadeo, pertenza ao sector da hostalería e dispoña evidentemente do servizo de comida a domicilio ou comida para levar”.

O concelleiro de Desenvolvemento Local, Turismo e Economía subliñou que “con esta nova iniciativa dende o Concello de Ribadeo o que se pretende é ofrecer unha promoción e unha publicidade aos establecementos hostaleiros con servizo de comida para levar ou para domicilio, ampliando o seu número de clientes sen interferir na capacidade do local, que se ve lastrada polas continuas restricións de aforos. Ven ser unha maneira de innovar e de renovar a imaxe dos negocios dándolles un valor engadido porque é unha posibilidade de contactos con clientes e novos clientes a tan só un click do propio teléfono”.

 

0.1899847984314