O Concello de Ribadeo mellorará as estradas rurais cunha inversión de 100.000 euros

O Concello de Ribadeo comeza esta semana as obras de mellora en varias estradas do municipio grazas á colaboración da Xunta de Galicia cunha achega de 100.000 euros. Estas actuacións forman parte dun plan de mellora continua das infraestruturas viarias da zona, co obxectivo de garantir mellores comunicacións entre as parroquias e facilitar o desenvolvemento rural.
O alcalde de Ribadeo, Dani Vega, explicou que "seguimos mellorando as nosas estradas, seguimos investindo nas nosas infraestruturas, sendo conscientes de que moitas delas están en moi mal estado. Pero en este ano e medio de goberno estamos tentando chegar a todos os puntos. É complexo actuar con rapidez, pero estamos a investir moito. Somos o Concello que máis inviste en infraestruturas, dado que é fundamental mellorar as comunicacións."
Vega subliñou que, para ter "unhas parroquias e un rural vivos", é necesario contar con boas infraestruturas. "Desde o principio, dixemos que tiñamos que ir programando a inversión. Neste caso, xestionamos 100.000 euros ante a Xunta de Galicia para mellorar as estradas de Arante, Vilela, Anzas, a estrada que comunica Santalla con Coxuela e tamén en Vilaframil. Estes 100.000 euros chegarán a todos estes puntos, xa que as estradas estaban en moi mal estado."
O rexedor tamén destacou que, aínda que hai máis puntos en mal estado nas parroquias, dentro dunha programación de investimentos que ascende a 690.000 euros, iranse acometendo melloras ao longo do ano. "Somos realistas e conscientes de que hai moitos puntos por mellorar, pero estamos a traballar para resolvelo", afirmou.
Para o alcalde ribadense, "investir en infraestruturas é crucial, e esta achega de 100.000 euros dentro dunha planificación adecuada é o máis importante para solucionar os problemas de comunicación."