Ribadeo: intramuros

AMariñaXa
A Vila de Ribadeo conta cun interesante roteiro urbano que se pode desfrutar moito máis nun percorrido ao anoitecer
ribadeo rua da muralla vista
25 Dec 2022

A Vila conta cun interesante roteiro urbano que se pode desfrutar moito máis nun percorrido ao anoitecer.

A vila de Ribadeo conserva os restos dalgúns tramos da antiga muralla medieval da cal existe constancia desde aproximadamente o século XIII.

Esta muralla defendeu o núcleo urbano ata tempos relativamente recentes e aínda hoxe poden encontrarse algúns restos incorporados ás construcións na rúa da muralla. Realizada en cantaría pequena, protexía boa parte da poboación e tiña na fortaleza o seu último reduto defensivo. A súa entrada principal estaba na actual Praza do Campo. No século XVI existían 6 portas: a da Auga, a da Vila, a da Pena, a de Guimarán, a de San Domingos e a de Cabanela.

Esta ruta pódese comezar na Torre dos Moreno onde antigamente se ubicaba a Fortaleza, onde arrancaba a muralla e tiña un postigo a poucos pasos.

A muralla ascendía en liña recta desde Cabanela polos solares que hoxe ocupan as casas da rúa Ibáñez. Sobre esta pasaxe construiuse un camiño almenado que comunicaba a fortaleza coa aldea de Cabanela. Ao principio da rúa cuxo nome actual é Méndez San Julián (denominada anteriormente rúa Travesa e posteriormente rúa do Correo), abríase a Porta Cabanela, chamada tamén Porta do Canónigo.

Esta rúa homenaxea a Don Antonio Raimundo Ibáñez, fundador do complexo siderúrxico de Sargadelos. Sobre as vivendas que hoxe ocupan esta rúa baixaba o muro da muralla medieval. Hoxe alternan vivendas tradicionais dos séculos XVIII e XIX con outras máis modernas. Ao final da rúa encóntranse a antiga capela e o colexio do Sagrado Corazón, fundado en 1918, promovido polo bispo Juan José Solís e encomendado ás Hijas de la Caridad de San Vicente de Paul. Esta institución ocupou o pazo contiguo, do século XVIII e propiedade da familia Rego Mastache, ata 1967 cando se trasladou a outras instalacións.

A pesar da súa antigüidade, Cabanela foi durante moito tempo un “arrabal” da vila, pois quedaba fora de súa muralla. Durante séculos foi unha vila a camiño entre o rural e o mariñeiro. Despois atopábase Porcillán e a porta de Santo Domingo, chamada así pola lenda que relata que por alí pasara este santo cando se embarcou no porto de Ribadeo para emprender a cruzada contra os albigenses que dictó o Papa Inocencio II.

Despois chegarase á rúa Viejo Pancho, na que aínda quedan boas mostras da arquitectura ribadense, e homenaxea ó escritor José María Alonso Trelles y Jarén, coñecido polo pseudónimo de El Viejo Pancho. Este é o último tramo dunha vía de orixe medieval que saía do porto de Porcillán e desembocaba na Porta da Auga, situada nas rúas Viejo Pancho e Antonio Otero.

Por último a rúa San Miguel rodeaba parcialmente a muralla con destino á capela de San Miguel, situada á entrada do porto. O seu trazado sinuoso e algunhas das súas casas revelan a súa antigüidade. Na metade do seu percorrido destacan as vivendas de planta baixa, construídas xa no século XX, como unha reinterpretación da casa típica das aldeas galegas ata tempos relativamente recentes. Ao fondo, fronte ao Cuartel Vello, álzase un magnífico exemplo de hórreo tipo Mondoñedo.

ribadeo rua da muralla placa
ribadeo casa viejo pancho fachada
0.24267101287842