Ribadeo intensifica os tratamentos contra o picudo vermello nas palmeiras

AMariñaXa
O Concello aplica un insecticida específico nos espazos públicos e anima á veciñanza a actuar tamén nas fincas privadas
Ribadeo-palmeiras-tratamento-2026
31 Jan 2026

O Concello de Ribadeo continúa reforzando as actuacións para frear o avance do picudo vermello, unha das pragas máis agresivas e destrutivas para as palmeiras a nivel mundial. O concelleiro de Medio Ambiente, Diego Dos Santos, advertiu da “delicada situación” que atravesan estes exemplares nos parques e espazos públicos do municipio, o que levou a intensificar os tratamentos preventivos e curativos.

Segundo explicou o edil, nos últimos días estase a aplicar un tratamento en ducha con acetamiprid, un insecticida sistémico específico para combater este insecto. Os traballos están a realizarse mediante unha carretilla equipada cunha lanza, o que obrigou a acoutar temporalmente algunhas zonas verdes para garantir a seguridade durante a intervención.

Dos Santos puxo como exemplo da gravidade da praga o caso da Devesa, onde “en apenas uns meses o picudo vermello acabou con quince palmeiras”, unha situación que reflicte o alto nivel de risco ao que están expostos estes exemplares.

Desde o goberno local anunciouse tamén a publicación dun bando municipal co obxectivo de concienciar á veciñanza da necesidade de tratar as palmeiras situadas en propiedades privadas. O concelleiro subliñou que o insecto “non distingue entre espazos públicos e particulares” e insistiu en que a colaboración cidadá é clave para frear a súa expansión.

As persoas que teñan dúbidas sobre como actuar poderán acudir ao Concello, onde recibirán asesoramento por parte do técnico de Medio Ambiente.

⚙ Configurar cookies
0.052459001541138