Ribadeo intensifica os traballos de conservación en espazos públicos e mobiliario urbano

O Concello de Ribadeo vén de reforzar as tarefas de conservación e coidado tanto dos espazos públicos como do mobiliario urbano. O alcalde, Dani Vega, explicou que se está a aplicar unha planificación máis estruturada para recuperar áreas que, segundo sinalou, “levaban anos sen recibir un mantemento axeitado”.
Vega indicou que o Goberno local está a actuar en marquesiñas, parques infantís, papeleiras, bancos, zonas verdes e outros elementos do equipamento municipal. “Desde o Concello estamos a facer o mantemento do equipamento municipal. Sabemos que queda moito por facer e que existen múltiples problemáticas herdadas doutros mandatos, nos que non se realizaba ningún tipo de conservación”, apuntou.
O rexedor recoñeceu que o avance non é tan rápido como desexarían, pero insistiu na importancia de traballar con orde e previsión: “Somos conscientes da realidade na que vivimos, e non chegamos todo o rápido que queremos, pero o fundamental é levar unha planificación e unha programación seria da conservación dos espazos e do equipamento. Fixemos moito, pero queda camiño por percorrer”.
O alcalde tamén quixo poñer en valor o labor do persoal municipal, ao que agradeceu expresamente a súa dedicación: “Os traballadores municipais están a facer un labor fundamental. Coñecen perfectamente os problemas existentes e non se limitan a cumprir, senón que propoñen melloras e sinalan actuacións necesarias. A súa disposición é enorme, e grazas a iso iremos chegando pouco a pouco a todos os puntos do concello”.
Vega lembrou que o mantemento é unha peza clave para evitar maiores gastos no futuro: “É importante facer, pero é máis importante conservar o que se fai. Se non se coida, chega un momento no que hai que arranxar todo de golpe, e iso supón máis custos. Cunha boa programación e espazos ben atendidos, todo funciona mellor e o gasto é menor”.
Segundo subliñou, nos últimos dous anos e medio o Goberno local centrouse en recuperar e preservar o patrimonio municipal: “Estamos a coidar espazos e equipamento que son de todos, e que todos debemos contribuír a manter”.