Ribadeo intensifica a limpeza da contorna da fonte de Guimarán e da zona portuaria

AMariñaXa
O Concello actúa en puntos de difícil acceso para garantir a seguridade e mellorar a imaxe dun dos espazos máis visitados do municipio
RIBADEO-zona-fonte-Guimaran-e-Capela-de-San-Miguel-2025
1 Dec 2025

O Concello de Ribadeo acomete nestes días unha ampla intervención de limpeza no entorno da fonte de Guimarán e noutros puntos da zona portuaria, co obxectivo de mellorar a seguridade e adecentar uns espazos que, segundo o goberno local, levaban anos en situación de abandono. A actuación céntrase na retirada da maleza acumulada, que estaba a provocar desprendementos continuos cara á rúa Calvo Sotelo.

O alcalde, Dani Vega, explicou que o treito comprendido entre a fonte de Guimarán e a capela de San Miguel presentaba “un abandono total”, polo que se optou por unha limpeza integral utilizando maquinaria específica. Entre ela, destaca unha pluma de 17 metros de alcance que permite acceder a toda a ladeira que limita coa citada rúa. “Nestes días lograrase unha limpeza absoluta de todo o lateral”, sinalou o rexedor.

Os traballos continuarán nos vindeiros días noutros puntos da zona portuaria, incluíndo o contorno do ascensor e áreas próximas a Cabanela, onde tamén é necesaria maquinaria de altura para acceder con seguridade. “Queremos limpar e, sobre todo, conservar estes espazos para evitar que volvan caer no abandono”, indicou Vega.

O alcalde salientou igualmente que estas tarefas se realizan en colaboración coa Xunta de Galicia. “É fundamental conservar uns espazos altamente visitados e turísticos, tanto pola súa importancia ambiental como pola imaxe que proxectan do noso municipio”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.075807809829712