Ribadeo intégrase no colectivo Alingua

AMariñaXa
O Concello de Ribadeo integrouse no colectivo Alingua, a asociación de entidades locais pola lingua galega que foi presentada en Santiago.
PRESENTACION COLECTIVO ALINGA
23 Mar 2022

O Concello de Ribadeo integrouse no colectivo Alingua, a asociación de entidades locais pola lingua galega que foi presentada en Santiago. Esta localidade é a única da provincia en sumarse a esta iniciativa da que forman parte un total de 18 concellos.

Alingua, Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega, naceu co obxectivo de desenvolver proxectos conxuntos no ámbito da normalización do idioma. A organización xorde para "lles dar resposta aos múltiples retos de futuro que o galego debe afrontar". Esta iniciativa conxunta trata de fomentar a cooperación entre institucións locais e o traballo en rede.

A campaña conta con colaboracións como a das actrices Mela Casal, Melania Cruz e Ailén Kendelman (que como compositora asina a sintonía da Asociación), a cantante MounQup, os xornalistas Gonzo, David Espiño e Patricia Santana, as creadoras dixitais Olaxonmario, Todomalva e Surfeando Libros, o artista Sergio Marey, o escritor Isamel Ramos e a artesá Elena Ferro. Tamén participan a psiquiatra Iria Veiga, o intérprete Xosé A. Touriñán, a bailarina Ánxela Blanco, o rapeiro O Rabelo, a influencer Paula Jorge, a maga Sara Rodríguez e o músico Caxade. Todas estas personalidades da sociedade participan nas pezas audiovisuais da campaña, que procuran subliñar o orgullo de contar cunha lingua propia e espallan mensaxes clave como son E ti que alinguas?, O teu algoritmo fala galego? ou A lingua sitúanos no mundo.

Os municipios que constitúen Alingua son A Baña, Ames, A Coruña, Betanzos, Cedeira, Ferrol, Moaña, Narón, O Grove, Ponteceso, Pontevedra, Redondela, Ribadeo, Rianxo, Rois, Santiago de Compostela, Teo e Vilagarcía de Arousa. As institucións locais integrantes xa veñen colaborando en proxectos como Apego, Youtubeiras, Club de Debate ou Enreguéifate, iniciativas colaborativas de dinamización lingüística. Un dos obxectivos da asociación Alingua é canalizar este tipo de colaboracións dirixidas a aumentar o uso do galego, fomentar as sinerxías entre as administracións e lograr unha xestión máis eficaz destas e outras accións en materia de lingua.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.14819383621216