Ribadeo inicia obras pioneiras no colexio Gregorio Sanz cun peche perimetral de material reciclado

AMariñaXa
O investimento de máis de 400.000 euros inclúe tamén un plan de humanización co obxectivo de mellorar os espazos de xogo e plantar árbores autóctonas
Ribadeo-Gregorio-Sanz-colexio-peche
12 Sep 2025

O colexio Gregorio Sanz de Ribadeo será nos próximos días escenario dunha serie de obras de mellora que inclúen a construción dun peche perimetral innovador, elaborado con material reciclado, un proxecto que se converte en pioneiro en Galicia.

O alcalde, Dani Vega, explicou que “hoxe visítanos o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, para detallar as novas inversións que darán comezo nos próximos días, tanto no peche perimetral como no plan de humanización. O investimento total supera os 400.000 euros e, dentro do plan de humanización, realizouse primeiro un traballo de desmeste e conservación do entorno. Agora, o plan contempla a plantación de árbores autóctonas e a instalación de novo equipamento para que os nenos e nenas poidan xogar de maneira segura e didáctica no colexio”.

Vega lembrou que se trata dun proxecto que se foi definindo e planificando ao longo dos últimos anos. “Agora xestionamos o orzamento, licitouse, adxudicouse e comezan as obras. Era fundamental investir neste peche perimetral, non é un tema novo, levaba anos abandonado. Finalmente, conseguimos licitar, adxudicar e comezar as obras nos próximos días”, engadiu o rexedor.

O alcalde destacou tamén a colaboración da comunidade educativa e da Consellería de Educación. “Son 400.000 euros de investimento que o conselleiro Román Rodríguez vén explicar hoxe ao colexio. Quero agradecer o traballo da dirección actual e pasada, de todo o profesorado, así como das nais e pais que reivindicaron constantemente melloras. Tamén agradezo á Consellería e, en particular, a Román Rodríguez, que todas as peticións do Concello son atendidas”, subliñou.

Vega incidiu na singularidade do proxecto: “O peche perimetral é único en Galicia, feito con material reciclado. É un proxecto piloto que propoñemos desde Ribadeo e que, sen dúbida, poderá estenderse a outros colexios de Galicia. Ribadeo volve innovar, volve propoñer e segue avanzando cunha xestión permanente e continua”.

⚙ Configurar cookies
0.16319799423218