Ribadeo inicia o proceso de irmandamento con Tala da man do Consulado de Uruguai

Ribadeo deu este xoves un paso decisivo para fortalecer os lazos históricos e culturais con Tala, a cidade uruguaia na que pasou boa parte da súa vida e faleceu o poeta ribadense José Alonso y Trelles, coñecido como El Viejo Pancho. O Concello recibiu a visita do cónsul de Uruguai en Galicia, Ramiro Rodríguez, no que supón o inicio dos traballos formais para establecer un irmandamento entre ambos municipios.
O alcalde, Dani Vega, explicou que esta primeira toma de contacto institucional chega despois de manter comunicación directa co rexedor de Tala. “Comezamos un proceso rigoroso, ordenado e cun obxectivo claro: recoñecer e fortalecer o vínculo que une a ambos pobos a través da figura do Viejo Pancho”, sinalou.
Vega agradeceu o apoio unánime das distintas formacións políticas con representación municipal e lembrou o papel do cónsul uruguaio, “que xa acompañara os actos de homenaxe ao poeta e que agora avala este novo paso, no que se pon selo a todo un legado cultural compartido. El Viejo Pancho nace en Ribadeo e vive e morre en Tala, pero o seu legado pertence a ambas comunidades”, afirmou.
O rexedor anunciou tamén que o proceso será coordinado polo Concello e pola comisión creada para tal fin, á que se incorporarán colectivos, expertos e persoas interesadas en contribuír. “Queremos escoitar todas as voces. É moi significativo que o Cónsul sexa quen marque a data de inicio desta etapa. Traballaremos para organizar un evento específico centrado na figura do Viejo Pancho e na súa herdanza literaria”, adiantou.
Vega concluíu reiterando a súa gratitude pola colaboración institucional: “Este irmandamento é prioritario e un paso coherente con todo o que se fixo nos últimos anos para reivindicar a memoria do poeta. Agora ese esforzo transformase nun vínculo oficial entre Tala e Ribadeo, e entre Ribadeo e Tala”.