Ribadeo inicia novas melloras na estrada da costa cun investimento de 360.000 euros

AMariñaXa
O Concello anuncia o comezo inminente das obras, financiadas pola Xunta, para ensanchar e renovar un tramo que conecta Rinlo e as cetarias
Ribadeo-estrada-costa-outubro-2025
28 Oct 2025

O Concello de Ribadeo vén de anunciar o inicio das obras de mellora dun novo treito da estrada da costa, unha actuación que comezará nos próximos días e que conta cun investimento de 360.000 euros financiados integramente pola Xunta de Galicia. O alcalde, Dani Vega, destacou que esta intervención supón “un paso máis no compromiso por modernizar e conservar as nosas infraestruturas, especialmente aquelas que unen a mobilidade co goce do entorno natural”.

Vega explicou que os traballos consistirán no ensanche e acondicionamento da vía, así como na mellora da circunvalación de Rinlo, un punto que levaba anos precisando actuacións debido ao seu deterioro. “É unha estrada que levaba moitos anos abandonada, onde conviven o tráfico rodado e a práctica deportiva. É un entorno natural que debemos preservar e unha das cartas de presentación de Ribadeo. Por iso era necesario investir e mellorar a súa imaxe”, subliñou o rexedor.

O alcalde lembrou que estas obras se suman ás xa realizadas no tramo que vai de Vilaselán a Rinlo, cun investimento previo de 370.000 euros financiado polo Plan Único da Deputación. “Estamos a xestionar recursos de distintas administracións para seguir avanzando. A nosa obriga é mellorar as infraestruturas paso a paso, e así o estamos facendo”, sinalou.

O novo proxecto abrangue zonas especialmente deterioradas, como o entorno das cetarias, o tramo do labirinto —aínda con pistas de terra— e a variante de acceso a Rinlo, que presenta numerosos baches. “Todos somos conscientes de que hai lugares onde é complicado circular. Estes tramos levaban moitísimo tempo sen arranxar, e agora por fin vanse poñer ao día”, engadiu Vega.

O rexedor incidiu en que o obxectivo é que en dous anos toda a estrada da costa estea completamente renovada, grazas á coordinación de programas como o Agader da Xunta e o Plan Único da Deputación. “Pouco a pouco vamos investindo, mellorando e chegando a todos os puntos onde hai dificultades ou onde as infraestruturas levan tempo abandonadas. Este é o camiño para seguir facendo de Ribadeo un lugar mellor comunicado e máis atractivo para veciños e visitantes”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.094815015792847