Ribadeo inicia a renovación das tarxetas de acceso á rúa Ramón González

O Concello de Ribadeo vén de anunciar a apertura do prazo para a renovación das tarxetas de acceso á rúa Ramón González, no tramo peonil comprendido entre Doutor Moreda e San Roque. A medida afecta tanto ás persoas que dispoñen de prazas de garaxe ou negocios como a quen reside nesa zona.
Desde a Policía Local explican que deben proceder á renovación todas aquelas persoas que teñan tarxetas expedidas antes do ano 2022, así como aquelas que modificasen algún dos seus datos persoais ou do vehículo. “Se houbo cambios, como un novo coche ou unha nova moto, é necesario actualizar a información para manter a validez do permiso”, sinalan desde o corpo municipal.
As autoridades locais lembran tamén que as cámaras de seguridade instaladas no acceso á rúa peonil rexistran as entradas e saídas dos vehículos, polo que se procederá a identificar e sancionar a aqueles condutores que non conten coa tarxeta correspondente. “O sistema é automático e garante un control rigoroso do tráfico nesta zona, reservada unicamente a residentes e persoas autorizadas”, engaden.
A expedición e renovación das tarxetas realizarase nas oficinas xerais do Concello de Ribadeo a partir do vindeiro luns, 13 de outubro. O prazo para efectuar estes trámites será de dez días naturais. O Concello anima ás persoas afectadas a realizar as xestións dentro do prazo establecido para evitar posibles incidencias ou sancións.