Ribadeo inicia a renovación das beirarrúas en varias rúas da vila

O Concello de Ribadeo comezou os traballos de mellora das beirarrúas na rúa Alza ata a confluencia coa rúa Río do Amalló, debido ao seu deterioro. O alcalde, Dani Vega, destacou que estas vías levaban moito tempo sen tarefas de conservación, o que obrigou a intervir con rapidez.
"Planificamos un investimento para mellorar as nosas rúas. Parécenos fundamental conservar o espazo público e buscar os recursos necesarios para garantir a seguridade e accesibilidade da veciñanza", explicou o rexedor.
Vega indicou que "neste caso, comezamos pola rúa do cemiterio, a rúa Alza, xa que a beirarrúa estaba totalmente fundida e tivemos que actuar de emerxencia. O que estamos detectando é que as rúas de Ribadeo non recibiron mantemento axeitado durante anos, polo que agora hai que intervir de xeito urxente e eficaz en moitas delas".
Ademais da renovación da beirarrúa, os traballos inclúen a limpeza da porcallada acumulada durante anos nesta zona. O obxectivo do goberno local é seguir mellorando a infraestrutura viaria, avanzando en novos proxectos de recuperación e mantemento.
"Nos próximos anos haberá que investir en moitas rúas, pero é igual de importante garantir o mantemento de todo o que se vaia renovando. Estamos iniciando esta nova etapa de conservación e mellora, e iremos actuando progresivamente nas zonas que máis o necesiten", concluíu o alcalde.