Ribadeo inicia a construción dun novo aparcadoiro na parroquia de Santalla

O Concello de Ribadeo vén de iniciar as obras para a creación dun novo espazo de estacionamento na parroquia de Santalla, xusto ao carón da igrexa. A actuación supón un investimento de arredor de 60.000 euros e dará resposta a unha demanda histórica da veciñanza, en especial da mocidade da zona.
Segundo explicou o alcalde, Dani Vega, esta intervención responde a unha petición reiterada por parte dos residentes, especialmente do colectivo xuvenil da parroquia, que reclamaban un espazo útil nun terreo que levaba anos en estado de abandono. “Pouco a pouco imos mellorando as infraestruturas nas nosas parroquias. Sabemos que hai moitas necesidades e queda moito por facer, pero esta é unha mostra de que se pode avanzar con paso firme e con implicación veciñal”, declarou.
O rexedor destacou que o novo aparcadoiro permitirá resolver os problemas de tráfico e estacionamento nos arredores da igrexa, sobre todo durante a celebración de eventos. “A partir de agora os coches non terán que ocupar a estrada cando hai actividades organizadas na parroquia”, apuntou Vega.
Ademais da creación do aparcadoiro, as obras inclúen a renovación da antiga tubaxe de fibrocemento, un material contaminante e xa prohibido pola normativa sanitaria. “Con esta intervención tamén se mellora a rede de subministración de auga a varias vivendas”, explicou o alcalde, subliñando que se trata dunha actuación que resolve múltiples carencias ao mesmo tempo.
Vega destacou o carácter sostible da obra, xa que se utilizarán materiais reciclados e se apostará pola integración paisaxística coa plantación de árbores. “Non é só un aparcadoiro, é un espazo pensado desde o respecto ao medio ambiente e á contorna natural das parroquias”, asegurou.
A proposta partiu dun grupo de mozos e mozas de Santalla, e contou co respaldo do goberno local, que trasladou a necesidade de actuar nesta zona á Xunta de Galicia, xestionando os fondos necesarios para acometer o proxecto. A cifra inicial ascendía a 70.000 euros, mais tras o proceso de licitación o orzamento final quedou en torno aos 60.000.
O alcalde avanzou que esta actuación é só o comezo dun plan máis amplo para recuperar e darlle utilidade a espazos infrautilizados noutras parroquias. “Xa estamos a traballar noutras zonas como Vilaframil, onde tamén se prevén melloras. Estudaremos caso por caso para transformar lugares abandonados en servizos útiles para os veciños”, sinalou.
“Este tipo de obras non só melloran a calidade de vida da veciñanza, senón que reafirman a aposta do Concello polo rural, por seguir investindo e creando espazos que teñen unha utilidade real”, concluíu Vega.